Publicador de contidos

Publicador de contidos

A First Lego League alimenta as vocacións científicas e tecnolóxicas en Galicia

A First Lego League alimenta as vocacións científicas e tecnolóxicas en Galicia

Máis de trescentos participantes presentaron os seus traballos no campus de Esteiro de Ferrol

G24.gal 22/02/2025 15:22

O campus de Esteiro volveu ser o escenario da First Lego League, un programa educativo internacional que fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas animando os nenos a resolver problemas do mundo real dunha maneira creativa e colaborativa.  Despois de varios meses de traballo, os equipos puideron presentar os seus proxectos e divertirse competindo no xogo do robot.

Cada equipo deseñou, construíu o seu propio robot, un pequeno autómata formado por pezas de LEGO capaz de superar as diferentes probas que salpican o tapiz da competición. Unha das participantes comenta que o esforzo merece a pena porque "é moi divertido e aprendes cousas novas. Traballamos no noso tempo libre, nos recreos...".

O ambiente do pavillón de Esteiro, animado, ruidoso e festivo, contrasta co que se respira Facultade de Humanidades, un dos escenarios de presentación dos proxectos innovadores, propostas para solucionar problemas reais, nesta edición centrados no mar.

Os rapaces do instituto de Fene decoraron a pasarela do seu centro con motivos mariños e materiais reciclados e achegáronse ao labor da confraría de pescadores de Barallobre. Roque conta que marcha cunha moi boa sensación "polo feito de traballar en equipo e coñecer profesionais do mar, os seus problemas e as posibles solucións".

A First Lego League pretende estimular as mentes científicas e tecnolóxicas e habilidades como o traballo en equipo e a creatividade.

"A idea é que vexan que o que aprenden nas aulas serve no mundo real, que fagan esa conexión, porque se o fan nestas idades son como esponxas", explica José Antonio Becerra, profesor da UDC e coordinador da Fisrt Lego League Galicia.

A Universidade da Coruña organiza a fase galega da First Lego League e tamén encargarase de coordinar a final nacional, que este ano se celebrará a finais de marzo en Ferrol.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos