A falta de acordo no Congreso activa un peche parcial do Goberno Federal nos EUA
O peche polo momento afecta a servizos non esenciais, como o funcionamento dos parques nacionais ou museos, e tamén á realización dalgúns trámites administrativos
De prolongarse o bloqueo, como xa aconteceu no primeiro mandato de Trump en decembro de 2018, poderían verse comprometidas outras funcións da Administración

A incapacidade de republicanos e demócratas para acordaren un orzamento antes da data límite fixada para este mércores activou un peche do Goberno Federal dos EUA que polo momento afecta a servizos non esenciais pero que podería comprometer outras funcións da Administración Central se se prolonga o bloqueo lexislativo.
Os dous partidos tiñan ata a 23:59 horas do 30 de setembro, cando concluía o ano fiscal, para aprobar uns fondos que permitisen seguir funcionando plenamente ás axencias do Goberno. Ata o martes, os republicanos só lograron dous dos sete votos demócratas que necesitaban no Senado para aprobar un paquete de financiamento provisional que mantería plenamente operativo o Goberno outras sete semanas.
Pola súa banda, os demócratas tampouco lograron os 13 apoios que requiría a súa proposta orzamentaria, que destina máis financiamento para a sanidade e que, do mesmo xeito que o proxecto de lei republicano, foi rexeitada hoxe mesmo na Cámara Alta. Para brindar os sufraxios necesarios ao paquete republicano os liberais dixeron que necesitan que se renoven subsidios do programa Obamacare que expiran este ano e que se revoguen recortes en materia sanitaria incluídos na gran lei de rebaixa fiscal e orzamentaria que impulsou o presidente Donald Trump, algo que os conservadores só queren negociar desde que se aproben as partidas económicas.
A clave reside agora en canto durará esta suspensión parcial de operacións das axencias federais, que de momento non afecta os servizos básicos no país. As forzas de seguridade, o exército, os aeroportos ou a seguridade social seguirán funcionando con normalidade, pero preocupa o feito de que os funcionarios nestas áreas non cobrarán os seus soldos ata que as dúas bancadas resolvan as súas diferenzas no lexislativo e aproben un orzamento novo.
No último e máis longo peche parcial do Goberno Federal na historia dos EUA, que se prolongou durante un mes durante o primeiro mandato de Donald Trump, a decisión de 10 controladores aéreos que pediron a baixa por enfermidade provocou a suspensión temporal de operacións no aeroporto La Guardia de Nova York e atrasos en varios outros aeródromos importantes do nordés e sueste do país. Este caos aéreo acabou desempeñando un papel fundamental para que as dúas bancadas lograsen un acordo para poñer fin ao peche de Goberno en xaneiro de 2019.