A DXT prevé máis de 980.000 desprazamentos por estrada en Galicia durante a ponte de maio
Este operativo arrinca ás 15 horas deste mércores día 30 e prolongarase ata a medianoite do próximo domingo día 4
En Galicia as estradas afectadas con maior intensidade de tráfico serán a AP-9, A-6, A-8, A-52, A-55 e N-550

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) ten previstos 980.000 desprazamentos por estrada en Galicia durante a operación especial de Tráfico pola festividade do 1 de maio.
No caso de España, os desprazamentos ascenden a 7.540.000, nun operativo que a DXT vaticina será "especialmente intenso" na zona centro, ao ser festivos na Comunidade de Madrid o xoves 1 e o venres 2 e non lectivo para moitos alumnos en varias comunidades.
En concreto, este operativo arrinca ás 15 horas deste mércores día 30 e prolongarase ata a medianoite do próximo domingo día 4, xornadas ambas que serán especialmente complicadas a nivel circulatorio polas saídas e retornos nas principais vías.
En Galicia as estradas afectadas con maior intensidade de tráfico serán a AP-9, A-6, A-8, A-52, A-55 e N-550.
Operación saída
As previsións de circulación elaboradas por Tráfico contemplan que a primeira hora da tarde do mércores 30 se produzan importantes movementos en sentido saída dos grandes núcleos urbanos que provocarán intensidades elevadas de circulación, especialmente entre as 16:00 e as 23:00 horas.
O xoves 1 de maio continuará o tráfico intenso en sentido saída, con intensidades elevadas de circulación e retencións, especialmente entre as 9:00 e as 14:00 horas. A estes movementos de longo percorrido uniranse os movementos locais de curto percorrido por tratarse dun día festivo de ámbito nacional, en estradas de acceso ao litoral e de montaña, así como a destinos de lecer próximos a núcleos urbanos, producíndose o retorno a última hora da tarde en todas as comunidades autónomas excepto a Comunidade de Madrid, onde é festivo ao día seguinte.
O venres 2 de maio produciranse os movementos habituais de entrada e saída aos grandes núcleos urbanos ao tratarse dun día laborable en todas as Comunidades Autónomas, excepto na Comunidade de Madrid, que celebra ese día a súa festa autonómica.
No resto da xeografía, segundo as previsións da DXT, observaranse movementos en sentido saída cara ás zonas de costa e de segunda residencia polo comezo da fin de semana. Movementos que continuarán na mañá do sábado 3 causando problemas de circulación na saída das urbes e nos accesos a poboacións de costa.
Operación retorno
A primeiras horas da tarde do domingo 4 comezará o retorno desta operación especial de tráfico, tanto dos que gozaron de todo o período festivo como dos que aproveitaron a fin de semana, con previsión de problemas de circulación especialmente entre as 15:00 e as 23:00 horas.
Por este motivo, instalaranse durante o serán medidas de ordenación e regulación nas comunidades de Andalucía, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, Madrid e Murcia que favorezan a entrada de vehículos ás cidades.
Dispositivo de tráfico
Para garantir a seguridade, Tráfico conta coa total dispoñibilidade dos medios, entre eles axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, persoal dos Centros de Xestión de Tráfico, radares fixos e móbiles de control de velocidade, ademais de helicópteros, drons, cámaras e furgonetas camufladas para controlar o uso de móbil e do cinto de seguridade.
Con estes medios poñeranse en marcha unha serie de medidas de regulación, ordenación e vixilancia do tráfico co obxectivo de dar cobertura ao importante movemento de vehículos que se producirá estes días.
Para favorecer a circulación nas zonas máis conflitivas en cada un destes días, a DXT previu, entre outras medidas, a instalación de carrís reversibles e adicionais nas horas de maior afluencia circulatoria, que alivian a conxestión, ou o establecemento de itinerarios alternativos co obxectivo de evitar circular polo centro da Península.
Ademais, paralizaranse as obras nas estradas, para evitar a conxestión que pode levar aparellada polas reducións de carrís dispoñibles e para mellorar a seguridade viaria. Tamén se limitará a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación da calzada e restrinxirase a circulación de camións en xeral e aos que transportan determinadas mercadorías en certos tramos, datas e horas.
Chamamento á prudencia
Tras unha Semana Santa na que 26 persoas perderon a vida nas estradas españolas, a DXT insistiu nunha chamada á prudencia e ao respecto das normas de circulación como cero distraccións, cero alcol e drogas, respecto ás velocidades establecidas en cada tipo de vía e utilización sen escusas dos sistemas de protección obrigatorios en cada caso.
Antes de iniciar a viaxe, Tráfico recomenda poñer a punto o vehículo, informarse das previsións do tempo na Axencia Estatal de Meteoroloxía e planificar a viaxe pola ruta máis segura para evitar imprevistos.
Desde as contas de X @informacionDGT e @DGTes ou os boletíns informativos en radio e televisión, así como no teléfono 011, infórmase da situación do tráfico en tempo real e das incidencias que poidan existir.