A dor lumbar é a máis frecuente entre os galegos
Dúas de cada tres persoas sufriron algúnha doenza nos últimos meses
En Asturias e Castela e León é a artrose e en Madrid e Barcelona, as cervicais
O sacho, o angazo ou o rastro son algúns dos responsables das dores dos galegos. Lesións por sobrecarga muscular e problemas lumbares que compartimos con outras rexións agrícolas como Andalucía e Castela-A Mancha.
"Eu creo que, pola situación orográfica de Galicia e sobre todo Ourense, con montañas, montañas, montañas... son os xeonllos". "A min os xeonllos e as pernas". "Pois eu teño 90 anos e non me doe nada", comentan varios ourensáns.
En zonas urbanas, onde prevalece o traballo de oficina ou teletraballo, son as cervicais as que máis padecen. Tamén lumbalxias e síndrome do túnel carpiano. Pero non é o calo do traballo o único factor a ter en conta. O clima, as horas de sol e a alimentación son tamén determinantes.
Rafael Melero, reumatólogo do complexo hospitalario ourensán: "Moitas veces os síntomas dependen da presión atmosférica. Entón, en zonas con máis borrascas, con cambios de presión máis agudizados, notamos máis os síntomas".
O 26 por cento dos españois adultos sofre dor crónica, sobre todo en extremidades, articulacións e nas costas.