Publicador de contidos
Publicador de contidos

A comisión Koldo no Congreso bota a andar baixo a presidencia do PSOE

A comisión Koldo no Congreso bota a andar baixo a presidencia do PSOE

Constituíuse este martes e estará presidida polo deputado do PSOE Alejandro Sober

Investigará os "feitos e responsabilidades" nos procesos de contratación de material sanitario durante a pandemia 

G24.gal 02/04/2024 17:34

A comisión que investigará posibles contratos fraudulentos durante a pandemia, e que empezará polo denominado caso Koldo, constituíuse no Congreso este martes e estará presidida polo deputado do PSOE Alejandro Sober. 

Un día despois de que no Senado botara a andar outra comisión de investigación sobre a trama Koldo a pedimento do PP, o Congreso constituíu estoutra comisión impulsada polo PSOE e que persegue investigar os "feitos e responsabilidades" ao redor dos procesos de contratación de material sanitario durante a pandemia.

Alejandro Sober foi elixido por 180 votos a favor fronte aos 137 votos en branco emitidos polo PP, e desexou que as comparecencias que se acorden "sexan as axeitadas" e que o traballo se faga "co maior respecto".

"Que o traballo da comisión sexa frutífero e que traballemos conxuntamente nos vindeiros meses", dixo en relación ao obxectivo de dar un bo servizo aos cidadáns.

A Mesa tamén está integrada pola deputada de Sumar Engracia Rivera, que exercerá como vicepresidenta primeira, e polo deputado do PP José Vicente Marí, que ocupará a vicepresidencia segunda.

Os postos de secretarios primeiro e segundo serán ocupados pola deputada socialista Mercedes González e o deputado de Vox Jorge Campos, respectivamente. Vox por primeira vez ocupará un cargo nunha comisión parlamentaria nesta lexislatura.

O deputado de Vox Carlos Flores Juberias, membro tamén da comisión, non aclarou se o PP lles ofreceu un posto na Mesa a cambio dalgún apoio, só respondeu que "o anormal" sería que non estivesen xa que son a terceira forza política do Congreso.

A Mesa volverá reunirse nos vindeiros días para concretar a data en que se deben presentar as solicitudes de comparecencias e o plan de traballo a seguir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade