Publicador de contidos
Publicador de contidos

A CIAF descarta unha nova investigación do accidente de Angrois

A CIAF descarta unha nova investigación do accidente de Angrois

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) asegura que a apertura de "un suceso xa investigado carece de fundamento" 

A Plataforma Vítimas do Alvia 04155 critica a decisión da CIAF "a pesar da insistencia das diferentes instancias europeas"

G24.gal 28/02/2024 12:24

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) desbota realizar unha nova investigación do accidente de tren de Angrois. Segundo figura na contestación que realizou á Plataforma Vítimas do Alvia 04155, asegura que a apertura "dun suceso xa investigado carece de fundamento". 

A CIAF atende así a resolución do Tribunal Supremo que en decembro de 2023 avalaba que a Comisión debía examinar e resolver a solicitude da plataforma dunha nova investigación, á vez que fixaba que os afectados en accidentes ferroviarios "teñen dereito a recibir cumprida información sobre a investigación que se desenvolva sobre as causas do accidente".

Na súa resposta, a CIAF xustifica que o fin da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios é formular melloras na seguridade e non "a determinación de culpas ou responsabilidades", e incide en que o informe final de investigación, publicado en 2014, estableceu un total de nove recomendacións de seguridade para evitar que sucesos similares se puidesen repetir, as cales "a día de hoxe todas elas foron xa aplicadas e cumpridas". 

Crítica da Plataforma Vítimas do Alvia 

Nun comunicado, a Plataforma Vítimas do Alvia 04155 critica a decisión da CIAF "a pesar da insistencia das diferentes instancias europeas", entre as que cita a Axencia Ferroviaria Europea (ERA), a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, así como as comisarias europeas de Transportes Adina Valean e Violeta Bulc.

As vítimas do Alvia fan fincapé en que "a máxima autoridade europea en materia ferroviaria ditaminou que o Estado español pechou en falso a investigación e que nunca houbo independencia". 

A  Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) reduce o informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) a unha mera "opinión", pois "non é de ningún modo un ditame ou avaliación que poida dar ou quitar validez a un informe de investigación aprobado". E considera que "estas críticas da ERA diríxense a unha cuestión formal, non de contido".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade