Publicador de contidos

Publicador de contidos

A chuvia derruba a ponte de Xunqueira de Espadanedo

A chuvia derruba a ponte de Xunqueira de Espadanedo

A infraestrutura xa estaba en obras e cortada ao tráfico

A Xunta mantén activo o Inungal en sete ríos

G24.gal 26/02/2024 19:31 Última actualización 26/02/2024 20:47

Parte da ponte situada na estrada OU-536 que conecta Ourense coa Rúa derrubouse este luns no municipio ourensán de Xunqueira de Espadanedo, tres días despois de ser pechada de forma total ao tráfico tras detectárense danos nun dos seus estribos.  

A circulación estaba cortada ao tráfico e establecéronse desvíos polas estradas OU-0106 e OU-0153 no punto quilómetro 22,200.  A estrada é moi empregada polos que se dirixen a Manzaneda.

Nun comunicado, a Xunta, que é a titular da estrada, informou de que os traballos comezaron o mes pasado polo procedemento de urxencia, cortouse a circulación ao tráfico para así garantir a seguridade de circulación. As obras teñen un prazo de execución estimado de tres meses, supeditado, matiza o comunicado, ás condicións meteorolóxicas.

A Xunta mantén activo o Plan Inungal

A Xunta mantén activo desde este domingo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións en Galicia. Cómpre extremar a precaución polo risco de rebordas en sete ríos. Nestes momentos atópanse en seguimento as estacións de caudal dos ríos Mandeo e Mendo (Betanzos e Paderne), Mera (Ortigueira), Landro (Viveiro), Ouro (Foz e Alfoz), Ladra (Vilalba, Begonte) e Miño (Lugo).

 

As copiosas precipitacións das últimas horas provocaron unha importante enchente do río Miño ao seu paso pola capital lucense, o cal levou o Concello a pechar un tramo do paseo entre o Balneario e o antigo restaurante O Muíño. A área de Transición Ecolóxica informou de que non se permitirá o paso de peóns por ese tramo do Paseo do Miño mentres non se poida transitar con seguridade pola zona.

Por outra banda, o alcalde de Begonte José Ulla Rocha confirmou que o río Ladra se desbordou e a auga chegou ata dúas casas. Ulla Rocha precisou que a enchente afectou a unha casa próxima ao Club Fluvial da localidade, a uns cen metros do río. A auga tamén chegou ao garaxe doutra vivenda, tamén próxima ao leito.

En Vilalba, a enchente do río Madalena tamén obrigou a pechar o paseo fluvial da localidade. Na provincia da Coruña, os veciños de Neda tratan de recuperar a normalidade tras o desbordamento dos ríos Belelle e Basteiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar