Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia Nacional rexeita trasladar a Marín ou Vigo a instrución do Villa de Pitanxo

A Audiencia Nacional rexeita trasladar a Marín ou Vigo a instrución do Villa de Pitanxo

A comisaria europea de Transportes lembra que a CIAIM deberá publicar, en menos de cinco meses, as conclusións da investigación sobre as circunstancias do sinistro

A Cooperativa de Armadores de Vigo apela á presunción de inocencia tras os expedientes sancionadores abertos á armadora do buque por declarar dous tripulantes menos que os 24 que ían a bordo e o certificado que lle prohibía pescar en augas onde se formase xeo

G24.gal 04/10/2022 14:14

A última novidade relativa ao naufraxio do Villa de Pitanxo no ámbito xudicial é o rexeitamento do recurso presentado pola armadora Nores, propietaria do barco, para que fose un xulgado de Marín o que instruíse a causa penal. O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno desestimou o recurso, segundo os familiares das vítimas, e tamén o do patrón do buque, que solicitaba que a causa a levara un xulgado de Vigo.

Pero á marxe do ámbito xudicial, a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes Marítimos (CIAIM) continúa traballando sen que ata o de agora fose quen de establecer hipóteses sobre as causas do accidente. Máis de sete meses despois do naufraxio que acabou coa vida de 21 dos 24 tripulantes do arrastreiro, está pendente aínda a realización dos ensaios que reproducirían as circunstancias do sinistro cunha maqueta do buque, e a comisión expresou tamén que a inspección directa, é dicir, baixar ao pecio, podería axudar na investigación.

Neste sentido, a comisaria europea de Transportes lembra que en menos de cinco meses deben estar publicadas as conclusións destas investigacións ou, cando menos, un informe provisional independente, centrado nos aspectos de seguridade marítima.

Resposta da comisaria europea de Transportes, Adinaloana Valean a unha pregunta formulada polos eurodeputados Mayte Pagazaurtundua e Adrián Vázquez Resposta da comisaria europea de Transportes, Adinaloana Valean a unha pregunta formulada polos eurodeputados Mayte Pagazaurtundua e Adrián Vázquez

Precisamente, cuestións de seguridade marítima poderían quedar en cuestión á vista das denuncias de familiares de dous dos desaparecidos, o biólogo e o tripulante máis novo, de 24 anos, que ao parecer estarían aloxados nun camarote destinado á enfermaría sen as máis mínimas condicións de habitabilidade.

Ademais, a Capitanía Marítima de Vigo abriulle dous expedientes sancionadores á armadora por irregularidades no despacho do buque, onde constaban 22 membros da tripulación e non os 24 que ían a bordo, 23 deles falecidos, e no enrolamento, con nomes diferentes dos que finalmente estaban no buque. Por outra parte, o certificado de comprobación de estabilidade do Villa de Pitanxo, expedido en 2018, prohibíalle navegar por puntos onde se puidera formar xeo, como son as augas de Terra Nova.

A este respecto, o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), Javier Touza, apela á presunción de inocencia da armadora Pesquerías Nores. "A referencia que temos é que estaba absolutamente habilitado este barco para poder pescar nesa área con esas condicións". Engade que "respecto sempre as deliberacións das autoridades administrativas e xudiciais, polo tanto estamos á espera das resolucións definitivas pero eu quixera destacar o que se chama a presunción de inocencia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade