A Audiencia Nacional defende a xuíza da crise de Ceuta fronte as críticas de Marlaska
A Sala de Goberno considera que María Tardón actuou "en defensa do interese xeral de España" e "non interferiu na seguridade nacional coa súa actuación"
O ministro do Interior manifestou o seu malestar despois e que a xuíza prohibise aos policías que investigan a crise migratoria de Ceuta facilitar información aos seus superiores
Arquivo/Europa Press
A Sala de Goberno da Audiencia Nacional mostrou o seu "absoluto apoio" á actuación da xuíza María Tardón ante a queixa do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, porque prohibise aos policías que investigan a crise migratoria de Ceuta que facilitasen información aos seus superiores.
Nun acordo adoptado este venres por unanimidade, os nove membros estiman que Tardón "non só non interferiu na seguridade nacional coa súa actuación", senón que actuou "para a preservación e defensa do interese xeral de España dentro do marco do respecto escrupuloso ás súas funcións xurisdicionais".
A Sala de Goberno da Audiencia Nacional agradece "a resposta dada pola presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló, en defensa da independencia xudicial e en particular da maxistrada desta Audiencia Nacional María Tardón esixindo para ela o máximo respecto por parte das autoridades políticas".
Perelló afirma que Tardón actuou conforme as súas funcións constitucionais
A presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló, recoñece a gravidade e o carácter extraordinario da crise que estamos a enfrontar", pero subliña que "a actuación da maxistrada responde o exercicio das súas funcións constitucionais", polo que pide "o máximo respecto", para a súa actuación.
A Sala de Goberno da AN lembra que a lei establece que, nas investigacións xudiciais, "as Unidades Orgánicas da Policía Xudicial e os funcionarios a elas adscritos dependen funcionalmente dos xuíces, tribunais ou membros do Ministerio Fiscal que estean a coñecer do asunto obxecto da súa investigación".
E citan que o marco legal inclúe que "os funcionarios integrantes das Unidades Orgánicas da Policía Xudicial deberán gardar rigorosa reserva sobre a evolución e resultado das concretas investigacións que lles fosen encomendadas, así como de todas as informacións que, a través delas, obteñan".
Marlaska ve compatible informar ao xuíz e ao Goberno
Marlaska afirmou na súa carta que, na súa dobre condición de ministro do Interior e de maxistrado, respecta "escrupulosamente" a independencia xudicial, o deber de prestar colaboración aos órganos xudiciais e a dependencia exclusiva da policía xudicial dos xuíces, tribunais e a Fiscalía.
Con todo, considera que ante unha crise que obrigou a declarar a situación de interese para a seguridade nacional, "non debería ser incompatible" atender con dilixencia os requirimentos dos órganos xudiciais con informar os responsables políticos das circunstancias que resulten relevantes para a xestión dunha situación de tal magnitude.
O ministro argumenta que a información que está en mans da Policía Nacional resulta "de gran interese" para que o Executivo poida exercer correctamente as súas funcións de dirección da política interior e exterior e de defensa do Estado.
O informe elaborado polo Centro Nacional de Inmigración e Fronteiras (CENIF) da Policía atribúe a xendarmes marroquís o "guiado activo" de inmigrantes cara a Ceuta.