A área de Santiago e A Barbanza suman nun só día 358 contaxios novos
Nesta semana duplicou o seu número de infeccións, que elevan os casos activos a máis de 2.000
Preocupa o concello de Ames, con 144 novos casos nos últimos sete días
"Isto está aumentando terriblemente. Case todo o mundo coñecemos algún caso no traballo ou na familia, case todos temos algo, de feito tiven que facer unha PCR a semana pasada por contacto con familiares", comenta unha veciña de Bertamiráns, en Ames
O concello de Ames sumou nesta última semana 166 novos positivos, polo que en total hai 244 persoas infectadas.
"Os meus netos, os dous últimos días xa non foron ao colexio porque parece que houbo algo no colexio", apunta un señor.
"É entendible que esteamos nesta situación porque está afectando moito a nenos e nenas de entre 5 e 11 anos, nós somos o concello máis novo de Galicia, e por tanto esa incidencia é normal", explica Blas García, alcalde de Ames
O importante é poñerlle freo á transmisión do virus por iso en Ames xa decidiron cancelar algúns eventos do Nadal.
"Foi unha ledicia cando os presentamos. Pensabamos que recuperabamos esa normalidade pero días despois tivemos que suspender a gran maioría sobre todo aqueles en que non podemos controlar ocupación ou onde os asistentes non están sentados ou son ao aire libre", comenta do alcalde.
A transmisión do virus colleu velocidade en xeral en toda a área sanitaria de Santiago e A Barbanza. Hoxe detectáronse 358 novos positivos, polo que a cifra de infectados ascende a 2.262, xusto o dobre que hai unha semana.