35.000 galegos padecen dano cerebral adquirido
A Asociación de Dano Cerebral de Ourense acaba de poñer en marcha un novo centro terapéutico no vinte aniversario do seu nacemento
Máis de 80 historias distintas con consecuencias semellantes conviven no novo centro de atención integral da Asociación de Dano Cerebral de Ourense.
"Unha operación de cerebelo. Tocoume o equilibrio e a parte esquerda", explica Xosé Antonio.
"E xusto o día que estreei a moto, chegando á casa, non vin o coche e non me matei de milagre. Estiven dez días en coma...", recorda Luís Alberto.
En Ourense diagnostícanse 450 casos ao ano que arrastran tamén os familiares máis próximos.
"Os fillos empezan a coidar os pais, pais maiores que teñen que coidar fillos maiores... Todo muda", di Loli Quintas, presidenta da asociación e nai dun usuario.
O seu fillo tivo un derramo cerebral con 21 anos, cando estaba estudando na Universidade.
Estas asociacións, hai 5 en Galicia, naceron para cubrir un baleiro asistencial: o que se lles abre a enfermos e familiares cando saen do hospital.
Pablo Martínez, Asociación de Dano Cerebral de Ourense: "As secuelas deixan as persoas nunha situación de indefensión para facer unha vida normal, e aquí o que facemos é dar ese servizo para rehabilitar secuelas, acorde tanto á situación da persoa como ás expectativas da familia".
Aquí fan terapias, entretéñense e relaciónanse, compartindo as súas experiencias.
"Se non existisen, estariamos perdidos. Os compañeiros son unha familia máis", asegura Marisa, que sofre dano cerebral a raíz dun accidente de tráfico.
Inauguraron as instalacións coincidindo co vinte aniversario da súa heroica viaxe.