Publicador de contidos

Publicador de contidos

13 millóns de ecuatorianos votan nunhas eleccións marcadas polo asasinato de Villavicencio

13 millóns de ecuatorianos votan nunhas eleccións marcadas polo asasinato de Villavicencio

Se ningún candidato consegue o 40 por cento dos votos, haberá segunda volta

O voto no Ecuador é obrigatorio

G24.gal 20/08/2023 14:19 Última actualización 20/08/2023 14:39

13 millóns de ecuatorianos votan este domingo nunhas eleccións anticipadas marcadas pola inestabilidade e o asasinato dun dos candidatos presidenciais durante a campaña. Onte sábado rexistrouse outro tiroteo preto do lugar onde almorzaba outro dos candidatos.

O exvicepresidente e candidato Sonnenholzner posaba para unha foto cunha admiradora cando se produciu o tiroteo. Sucedeu na provincia costeira do Guayas durante o peche da campaña. A policía detivo catro homes e unha muller como autores dos disparos.

E o pasado día 8, sicarios colombianos acababan coa vida doutro dos candidatos, Fernando Villavicencio.

Neste ambiente de inestabilidade pola expansión das mafias do narcotráfico e o crime organizado, e entre chalecos antibalas, os ecuatorianos maiores de 18 anos teñen que votar nas eleccións anticipadas que se celebran este domingo. Elixen presidente, vicepresidente e lexisladores. Os colexios abren as sete da mañá hora local e pechan as cinco da tarde.

Os expertos non se atreven a prognosticar ningún resultado e advirten de que hai un número importante de indecisos. E o asasinato de Villavicencio, que segue aparecendo nas papeletas, podería mover votos cara a súa formación, liderada agora por Christian Zurita.

Se ningún dos aspirantes consegue polo menos o 40 por cento dos votos e unha diferenza de 10 puntos sobre o resto, haberá unha segunda volta, a celebrar o 15 de outubro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade