Acordan crear un plan especial de tráfico ante os cortes continuos da autovía a Marín
A PO-11 volveu quedar interrompida este venres porque o nivel do mar chegou á calzada
A Autoridade Portuaria di que en cada interrupción quedan bloqueados 140 transportes
A estrada cortouse todos os días do que vai de semana, e a previsión é que siga pasando
Non hai solución definitiva a curto prazo pero cómpre tomar medidas inmediatas. A autovía que conecta Pontevedra e Marín volveu quedar cortada este venres pola mañá, e por quinto día consecutivo, ao coincidiren a preamar co nivel alto da auga na desembocadura do río Lérez.
Xa aconteceu varias veces os últimos anos e a previsión é que os asolagamentos se repitan cando se volvan dar condicións semellantes. Ante esta situación, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, convocou unha reunión extraordinaria na que participaron representantes dos concellos de Pontevedra e de Marín, das policías locais dos dous municipios, a Grada Civil de Tráfico, a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta e a Autoridade Portuaria de Marín. Acordaron pór en marcha un plan de tráfico cunha prioridade: dirixir ata o porto por vías alternativas os camións que cada día teñen que acceder ás instalacións.
"Levamos cinco días de cortes e isto está afectado o porto de Marín, tanto as mercadorías como a xente que traballa alí", laiábase o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez.
Vanse tomar medidas en tres direccións: por unha banda, mellorar a sinalización para que os camións, moitos procedentes de fóra de Galicia ou incluso doutros países de Europa, poidan chegar ao porto sen se perder ou quedar atascados en estradas secundarias, algo que aconteceu de novo esta semana. Ademais, haberá máis presenza das forzas de seguridade para guiar os vehículos. Os concellos aceptan que hai que facer desvíos pero piden que se reduzan as molestias nas zonas urbanas e reclaman unha solución a medio prazo.
"Porque non podemos meter por unha vía urbana tráfico pesado como o que vai ao porto de Marín", reclama a tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Villaverde.
A PO-11 está construída sobre o mar e a moi pouca altura. Todas as administracións están de acordo en que, a medio prazo, haberá que buscar unha alternativa: ben sexa con obras, redeseño ou incluso cun novo trazado. Mentres, intentarán que os cortes de tráfico teñan menos impacto.
"Que se tomen as medidas para que o tempo de peche da autovía sexa o mínimo posible", pide a alcaldesa de Marín, María Ramallo.