Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os gardas civís galegos que inventaron a nova luz de emerxencia obrigatoria: "Ninguén confiaba en nós"

Os gardas civís galegos que inventaron a nova luz de emerxencia obrigatoria: "Ninguén confiaba en nós"

Jorge Torre e Jorge Costas querían evitar os accidentes, con mortes e amputacións, que se producen cando alguén sae do coche para colocar os triángulos

G24.gal 27/11/2025 14:33

Non haberá prórrogas. A Dirección Xeral de Tráfico confirma que a partir do 1 de xaneiro será obrigatorio levar no vehículo a nova baliza V16, o aparello que substituirá os triángulos para sinalizar un accidente ou avaría. Será necesaria nos turismos, furgonetas, camións e autobuses; opcional nas motocicletas. E a pouco máis dun mes para que entre en vigor a norma, a inmensa maioría dos condutores, arredor do oitenta por cento, aínda non se fixeron con ela. 

A V16 é un invento galego. É o proxecto polo que hai máis de dez anos loitan dous antigos axentes da Garda Civil que, no seu momento, deixaron o corpo para emprender outros camiños. Jorge Torre, ourensán, e o vigués Jorge Juan Costas coincidían noutro factor. Os dous coñecían de primeira man os perigos da estrada, en especial, o risco que implica saír dun vehículo para colocar os triángulos.

"A idea nace porque observo moitas situacións críticas na estrada. Observas que a xente coloca mal os triángulos de presinalización. De feito, nunca vin un triángulo ben colocado", lembra Jorge Torre, o home que tivo a idea inicial.

"Presentáronme unha persoa que fora amputada por saír a colocar os triángulos, perdera as dúas pernas e estaba en cadeira de rodas. E contounos a súa experiencia, que estaba collendo un triángulo do maleteiro e outro coche impactouno por detrás e aí perdeu as dúas pernas. A min iso foi o que me fixo envorcarme", engade Jorge Juan Costas, o outro socio de Netun.

A baliza ten unha dobre función. A luz avisa aos outros usuarios da vía da presenza dun vehículo parado. Ademais, o dispositivo, a través dunha tarxeta SIM, envíalle a posición exacta á central da DXT. Só conecta coa DXT e só cando se activa. 

"O primeiro prototipo fixémolo con pezas de varios equipos", lembra Jorge Torre mentres suxeita na man a baliza orixinal que construíu, de xeito case artesanal, na súa casa e que xa ten pouco que ver co modelo actual.

"A verdade que atopamos muros na rúa. Ninguén comprendía o noso proxecto. Ninguén confiaba en nós", completa o outro Jorge.

Agora, a súa empresa, Netun, fabrica milleiros de balizas nunha planta de Zaragoza. Hai outros modelos homologados, de diferentes prezos. Para saber cales están autorizados, pódese consultar a páxina da DXT en Internet.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos