'Máscara e compás': a maior retrospectiva de Maruja Mallo, no Reina Sofía
Inclúe pezas do seu arquivo persoal e amosa a evolución desde as composicións surrealistas dos primeiros anos ata as formas xeométricas e fantásticas das súas últimas obras
Maruja Mallo volve ser protagonista da axenda cultural deste ano, agora en Madrid. O Museo Reina Sofía amplía a mostra da Fundación Botín e convértea na maior retrospectiva feita sobre a artista galega.
Inclúe pezas do seu arquivo persoal e amosa a evolución desde as composicións surrealistas dos primeiros anos ata as formas xeométricas e fantásticas das súas últimas obras.
O museo madrileño incorpora á mostra elementos do arquivo persoal da artista, que agora pertence aos fondos do Reina Sofía, e tamén algunha obra inédita e, ademais xunta pezas das súas sucesivas etapas espalladas por museos de todo o mundo.
A maior retrospectiva realizada ata o de agora sobre unha das máis destacadas figuras da vangarda pictórica e da xeración do 27 foi máis aló das salas do museo grazas á Asociación Cunchas e Flores de Bueu, que para esta inauguración en Madrid reproduciu obras da pintora nunha grande alfombra floral.
Máscara e compás estará aberta no Museo Reina Sofía ata o 16 de marzo do ano que vén.