Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Galicia opta pola enerxía verde e por protexer a súa paisaxe", dixo Ánxeles Vázquez

"Galicia opta pola enerxía verde e por protexer a súa paisaxe", dixo Ánxeles Vázquez

"Queremos primar a rehabilitación da vivenda que prime a eficiencia enerxética", dixo a conselleira

"A próxima semana aprobaremos axudas para corrixir o feísmo", adiantou Ánxeles Vázquez

G24.gal 14/01/2022 12:03

Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, repasa no 'Bos días' asuntos de actualidade do seu departamento como os parques eólicos, o traslado de Ence, os fondos para a rehabilitación da vivenda e a prohibición da caza do lobo, entre outros.

Tras a xuntanza de onte entre o presidente da Xunta e ministra de Transición Ecolóxica, na conferencia de prensa falouse moito dos parques eólicos, das agresións á paisaxe e da cantidade que se vai instalar.

Sobre este asunto, a conselleira de Medio Ambiente dixo que o que se lle pediu á ministra é que “respecte a organización territorial de Galicia, que ten un plan sectorial eólico e no 70 % do territorio non se poden instalar eólicos porque son zonas protexidas ou porque están moi preto de vivendas”.

“Desde o Goberno central non deberían sequera adminitir a trámite aqueles grandes eólicos de máis de 50 megawatts porque vai en contra da ordenación que ten Galicia”. “Galicia opta por ter enerxía limpa, opta por ter eólicos pero opta por protexer tamén a súa paisaxe”.

A vicepresidenta do Goberno central apuntou onte como destinos posibles para Ence os concellos das Pontes e Cerceda, que son zonas das chamadas "transición xusta", pois alí pecharon senllas centrais térmicas de carbón. Vostedes defenden a continuidade.

Ángeles Vázquez explicou que a localización de Ence non é a mellor, pero que entre “iso e a perda de traballo hai que sopesar e polo tanto se o Goberno Central, canda outras administracións como a do Concello de Pontevedra fixeron todo o posible para que Ence se vaia da ría o que non poden é pedirlle só solucións á Xunta de Galicia”.

En vivenda, unha das últimas campañas que están desenvolvendo é a concesión de axudas para a rehabilitación enerxética de vivenda en concellos de menos de 20.000 habitantes, que son a maioría dos do país.

Sobre esta campaña, a conselleira dixo que “Galicia ten unha grande oportunidade de a través de certos fondos como poden ser os europeos e acceder a estes recursos que son máis de 150 millóns de euros que se van destinar a rehabilitación. Unha rehabilitación que ten que ir avalada pola eficiencia enerxética. Haberá seis liñas novas que poremos en marcha. Unha das primeiras liñas que poremos en marcha é a 'Pre-5000', destinada a concellos de 5.000 habitantes para rehabilitacións e tamén para eficiencia enerxética”. 

Nesta liña de axudas, este mes teñen que sacar as destinadas a corrixir impactos paisaxísticos. A conselleira de Vivenda adiantouno e dixo “a próxima semana aprobaremos axudas para corrixir o feísmo e cubrirán ata o 70 % da obra”.

Canto ao número de vivendas baleiras en Galicia, o Bloque di que hai trescentas mil. Sobre o que vai pasar con elas cando se aprobe a Lei de vivenda, Ángeles Vázquez dixo que, "se non se cambia o texto da nova lei, Galicia vaina recorrer”, porque, segundo explicou, non se pode considerar baleira só porque leve dous o seu dono fóra.

Engadiu: “Se algo temos que facer por e para a vivenda non é o que está facendo o Goberno Central en Galicia. Por un lado está dicindo que hai que ter vivenda para todo o mundo e polo outro está propiciando os desafiuzamentos a través da Sareb”.

Canto ao lobo, Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León mandáronlle unha carta ao comisario europeo de Medio Ambiente en que lle dicían que estaban preocupadas pola consecuencias da prohibición da caza do lobo. Din que o estado de conservación desta especie é bo, o Goberno central di todo o contrario.

A conselleira di que Galicia cumpre co medio ambiente “aínda máis do que manda a directiva do Convenio de Berna”. Este convenio obriga as comunidades autónomas a enviar un informe cada seis anos ao Goberno Central. No último informe de Galicia o “lobo aumentou en número e está no 90 % do territorio, o seu estatus é favorable”.

Segundo a conselleira, onte mesmo o comisario europeo de Medio Ambiente trasladoulles ás catro comunidades que o lobo está nunha situación desfavorable e en perigo de extinción segundo o Goberno Central, “iso quere dicir que algo non vai ben, ou os datos están terxiversados ou hai erros”.

Sobre a recollida do lixo, Ánxeles Vázquez lembrou que ”o 31 de decembro de 2023, os concellos teñen que ter implantado o quinto colector, o composteiro”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade