Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel' en 106 fotos

'Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel' en 106 fotos

A mostra percorre catro continentes

O fotógrafo monfortino retrata a viaxe física e a viaxe espiritual

G24.gal 15/12/2021 21:27

Visitamos en Santiago a exposición 'Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel'. Nela, o fotógrafo monfortino percorre catro continentes en máis de cen imaxes que debuxan unha viaxe física e unha viaxe espiritual.

Nos soportais da praza das Praterías, a palabra destino. Nas paredes do Museo das Peregrinacións, a palabra destino. O destino marca o noso devir, pero son as nosas eleccións as que en realidade marcan o camiño.

De tal idea parte esta mostra fotográfica que ve dúas caras na palabra peregrinación.

"Por unha banda, a peregrinación física. Pola outra, e sobre todo, esa peregrinación espiritual, conceptual", explica Esperanza Gigirey, directora do museo.

Son 106 fotos. Catro continentes. Falamos de cinco viaxes.

"A primeira, unha peregrinación ao Tíbet, ao monte Kailash". Viaxe titulada 'O perdón'. Contan que arredor dese monte rezan as pedras, que ao dar a volta por el outorga o perdón dos pecados. 
Outra viaxe.

"A segunda, unha peregrinación ao Gan Magal, no Senegal". Viaxe titulada 'O amor'. Acompañando a Billy, que volve á casa depois de anos emigrado.

"A terceira, unha peregrinación en México". Viaxe titulada 'A natureza'. Atravesando o deserto buscando os deuses para "encontrar a vida na natureza".

E máis viaxes. "Por suposto, a peregrinación polo Camiño de Santiago".

Viaxe titulada 'A saúde'. Peregrinos de varias nacionalidades atrapados en León polo estado de alarma. O fotógrafo vive o seu día a día sen auga nin luz nin tampouco máscaras.

E a viaxe titulada 'A esperanza'. Galicia. O Camiño como punto e á parte na vida dun fotógrafo que camiña por fóra e camiña por dentro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade