Comesaña: "Con certeza será un Nadal con precaucións e coa máscara no interior"
Comesaña: "Con certeza será un Nadal con precaucións e coa máscara no interior"
O conselleiro de Sanidade confirma a obrigatoriedade do certificado de vacinación para ir de visita aos hospitais galegos
O titular de Sanidade anunciou que para fins da semana que vén os hospitais galegos pedirán o certificado de vacinación aos que visiten un paciente ingresado. Aínda que a incidencia da covid–19 se duplicou en Galicia nas últimas tres semanas, polo de agora descarta implantar o uso dese certificado para acceder aos establecementos hostaleiros.
A normativa que pretende facer obrigatorio o certificado de vacinación para os visitantes dos pacientes hospitalizados nos espazos do SERGAS será remitida inminentemente ao TSXG. Non pedirán o pasaporte covid nin o resultado negativo nunha proba diagnóstica recente aos acompañantes dun enfermo que vaia a unha consulta ou a unha proba diagnóstica. Contando cos prazos da xustiza, cara á fin de semana vindeira, a nova medida estaría en vigor.
"Ese certificado será requirido, ben sexa na planta, ben sexa nos accesos, e calquera sanitario poderá esixilo. Nós entendemos que un paciente hospitalizado é practicamente imposible que estea coa máscara posta todo o tempo. O que intentamos é non ter gromos nos hospitais, como por desgraza tivemos nalgunha ocasión", explica o Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.
A tendencia das tres últimas semanas, con incrementos practicamente diarios dun 5 %, fan que, co resorte do comité clínico, as decisións respecto ás medidas restritivas se revisen ou establezan de quince en quince días. E aínda que o Nadal queda lonxe...
"Pero si podo dicir con certeza que vai ser un Nadal coa máscara nos interiores, sen dúbida, e será un Nadal con recomendacións de prudencia. Eu creo que ademais todos temos a experiencia do Nadal pasado, non tanto do Nadal pasado, que tamén, senón do que pasou despois do Nadal", declara Comesaña.
O que pasou despois do Nadal foi a terceira vaga de coronavirus. O 28 de xaneiro morreron en Galicia en 24 horas trinta e seis persoas diagnosticadas da covid–19. Ata o día dez de febreiro foran 561 os falecidos.