'A derradeira leicion do mestre', obra cume de Castelao, regresa a Galicia
Poderá verse no Museo de Pontevedra entre 25 de xuño e 27 de setembro
Representa o asasinato de Alexandre Bóveda durante a Guerra Civil
Oito anos despois de ser exposta no Gaiás, a obra cume de Castelao volve a Galicia.
'A derradeira leición do mestre" saiu hai oito días do Centro Galego de Bos Aires e chegou este martes ao Museo de Pontevedra, monitorizado durante todo o traslado.
Pero houbo que esperar a que o óleo se aclimatara dentro da caixa antes de poder abrir este mércores o seu contido e que a restauradora do museo comprobara que non sufriu danos na viaxe.
É a segunda vez que o Centro Galego de Bos Aires permite traer a Galicia unha das obras máis simbólicas da nosa cultura.
Un representante do Centro Galego de Bos Aires, Alberto Vázquez, foi o correo desta cesión acompañando a obra durante a viaxe.
"Somos fillos da emigración e así como esa emigración arroupou a Castelao durante o seu exilio político, hoxe está aquí o cadro para que todos os galegos arroupen a súa obra e a veñan visitar", dixo Vázquez.
Desta volta non se exporá en solitario, senon no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, dialogando coa maior parte da obra do autor. Seminarios e conferencias axudarán a contextualizala.
"Para afondar no nome e a figura de Castelao como artista e como político e para afondar na memoria histórica porque hai que recordar que se está falando do asasinato de Alexandre Bóveda", destacaba o presidente da Deputación provincial, Rafa Domínguez.
'A derradeira leición do mestre" é a homenaxe de Castelao ao político nacionalista asasinado por defender as súas ideas. Tamén unha denuncia da violencia e a guerra. A súa exposición estará aberta ao público entre o 25 de xuño e o 27 de setembro.