Veciños de Baralla denuncian que están sen servizo de repartición de butano

Precisan as bombonas para as cociñas e para a auga quente

Levan dous meses sen repartidor

G24.gal 29/11/2023 14:27

Ás portas da casa de Félix e Obdulia acumúlanse as bombonas do butano baleiras á espera da repartición.

"Levamos dende principios de outubro sen subministración. A miña filla chamou a Becerreá á empresa e dixeron que tiñan ao traballador de baixa".

Os veciños din estar fartos de reclamar e que ninguén lles poña solución ao problema.

"Chamo e dinme que van vir non sei que día porque teñen outras reparticións, pero que collan máis traballadores".

Din sentirse abandonados, dado que o servizo non parou de ir a menos nos últimos anos, e precísano para cousas básicas do día a día como cociñar ou ter auga quente.

"A repartición do butano era inicialmente semanal e despois pasou a ser quincenal e non hai moito reduciuse a unha visita a comezos de mes, pero agora levan dous meses sen el, deixando sen un servizo esencial os veciños da zona".

"O butano é principalmente para a auga quente e para a cociña, porque eu non teño calefacción". 

Hai quen, ante a necesidade, as vai mercar directamente, pero hai moitos veciños maiores que non dispoñen de medios.

"Xa levamos dous meses sen butano e somos todos maiores, nos coches din que está prohibido traelo".

"Téñennos abandonados. Agora coas matanzas precísanse máis bombonas e hai que ir por elas no coche".

Os veciños reclaman un servizo de repartición estable e digno, axeitado ás necesidades dos veciños do rural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar