Sanxenxo agarda a chegada de 62 migrantes procedentes das Canarias

Esta semana recibiron os primeiros grupos na Coruña, Vigo e O Porriño

G24.gal 05/11/2023 13:35 Última actualización 05/11/2023 15:00

Os migrantes trasladados a Galicia desde as Canarias son maioritariamente homes en idade laboral, procedentes do Senegal, Gambia e Malí. Saíron dos seus países, ademais de por razóns económicas, en moitos casos para poñer a salvo as súas vidas.

"Foxen de situacións diferentes: persecución política, relixiosa, de minorías étnicas, identidade, orientación sexual, motivos de xénero", relata o responsable da ONG Accem en Galicia.

Desde esta ONG, que se está encargando de atendelos, subliñan que veñen de facer unha das rutas migratorias máis perigosas. No que vai de ano contabilizáronse arredor de 500 mortos na travesía ata as Canarias.

"Moitas veces chegan con estrés postraumático porque no propio caiuco tiveron que tirar compatriotas ou familiares porque un morto ocupa lugar e pon en perigo o resto do grupo", explica Daniel Bóveda.

Unha parte dos chegados ten familia ou amigos en España ou noutros puntos de Europa e quere seguir camiño. Outros precisan un itinerario social e migratorio para integrarse.

"Hai que poñer en valor que vén capital humano, que son seres humanos, que é unha cuestión de dereito. E que moitos dos que están a chegar quedarán aquí e serán veciños e veciñas de Galicia", puntualiza o responsable da ONG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade