Sánchez defende ante Mahmud Abbas a loita conxunta contra o terrorismo de Hamas

A Netanyahu advírtelle que o terrorismo non se combate exclusivamente co uso da forza

Avoga na súa visita pola coexistencia de dous estados: Palestina e Israel

G24.gal 23/11/2023 20:19 Última actualización 23/11/2023 20:31

Pedro Sánchez percorreu sobrecollido un dos lugares atacados por Hamas o 7 de outubro. Nel morreron 80 colonos israelís e varias decenas foron secuestrados.  

"A crueldade do ataque terrorista, o sufrimento, a angustia porque hai 27 familiares deste kibbutz retidos por Hamas en Gaza", relataba o presidente.

O Goberno español condena o ataque sufrido por Israel. Pero ante o primeiro ministro Benjamin Netanyahu defende a necesidade de ofrecer un horizonte de paz e seguridade para acabar co terrorismo.

"Non se pode erradicar exclusivamente mediante o uso da forza", advertía Sánchez.

E ante o presidente Isaac Herzog reclamou unha resposta proporcionada e acorde ao dereito internacional e humanitario.

"A resposta non pode implicar a morte de civís inocentes en Gaza, incluídos milleiros de nenos", asegurou.

E ante o presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmud Abbas, Sánchez defendeu a loita conxunta contra o terrorismo de Hamas e a aposta pola coexistencia de dous Estados: Palestina e Israel.

De momento a tregua en Gaza volve ter data: comezará  este venres, ás sete da mañá hora local. Israel xa ten a lista dos primeiros 13 reféns, mulleres e nenos, que vai liberar Hamas a cambio de, en principio, medio cento de presos palestinos. Unha tregua fráxil de catro días que tamén implicaría a entrada de axuda humanitaria na Franxa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade