Rueda traslada por carta a Sánchez as reclamacións da Xunta e o desexo de manter un encontro

O presidente galego amosouse preocupado porque "as concesións que se están facendo a outros territorios" serán "á custa" de non darlles ás demais comunidades o que lles "corresponde"

Sobre a chegada do AVE, Rueda di que "as declaracións do ministro non dan lugar a moita esperanza"

Alfonso Rueda
G24.gal 24/11/2023 16:46 Última actualización 24/11/2023 17:58

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, remitiu unha carta ao seu homólogo no Goberno, Pedro Sánchez, na que lle traslada as reclamacións do Executivo autonómico, que espera "resolver" entre todos, e transmítelle tamén o seu desexo de verse. 

Rueda explicou que "hoxe o que fixen foi dirixirme con todo o respecto ao presidente do Goberno, felicitalo, en primeiro lugar, por este mandato que acaba de estrear e ofrecerlle a colaboración de Galicia. Interésanos ter unha boa relación con todas as administracións e moito máis co Goberno do noso país, pero esa relación ten que pasar polo cumprimento das demandas que estes últimos anos non foron atendidas".

O xefe do Executivo autonómico asegurou, tras un acto celebrado en Vigo, que lle "preocupa moitísimo" ver as "concesións que se están facendo a outros territorios", porque ten "clarísimo" que "algunhas delas" serán "á custa" de non darlles ás demais comunidades o que lles "corresponde".

Rueda engadiu que lle gustaría "nalgún momento" verse con Sánchez e sinalou que xunto coa súa carta achegou as misivas que os conselleiros do seu goberno enviaron esta semana aos ministros que asumiron as súas carteiras para poñerlles "ao día das reclamacións de Galicia".

Sobre algunhas desas reclamacións dixo que "non é complicado darlles solución; doutras haberá que falar, pero, en todo caso, hai que traballar. De nada vale a calada por resposta, como vimos nestes anos", indicou.

Sobre a alta velocidade ferroviaria, Alfonso Rueda dixo: "A ver se somos capaces de saber cando chega o AVE ao resto de cidades galegas. As declaracións do ministro non dan lugar a moita esperanza", precisou. Rueda avogou por "mobilizar xa os fondos Next Generation" e indicou que a fábrica de Stellantis en Vigo "necesita esa resolución". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar