Rescatan un ancián do seu piso de Vigo cheo de excrementos e cuxa filla vive debaixo

O ancián levaba varios meses sufrindo esa situación, tras unha operación de cadeira

O xenro encargábase de alimentalo a diario, pero ninguén miraba pola súa hixiene

G24.gal 10/11/2023 17:56 Última actualización 10/11/2023 21:35

Os axentes da Policía Local de Vigo rescataron onte un ancián que atoparon na súa casa sobre un colchón cheo de excrementos e ouriños, dende o que berraba pedindo axuda sen recibila, a pesar de que a súa filla vive no piso inmediatamente inferior.

Segundo informou este venres a policía, os feitos tiveron lugar sobre as seis da tarde dese día. Un veciño chamou ao 092 indicando que no Camiño Viña Grande, unha persoa estaba a berrar no interior dun edificio. Os axentes desprazados ao edificio escoitaron ao home que gritaba por un tal José. 

Tras chamar repetidas veces sen que ninguén abrise, acudiron ao piso inferior, onde unha muller asegurou ser a filla da persoa que berraba. Segundo dixo, vive el só e é atendido polo seu marido a diario, quen neses momentos se atopaba ausente.

Os axentes pedíronlle á muller ver o estado en que estaba o seu pai, ao que ela lles franqueou o paso á vivenda, onde acharon o ancián nun pequeno salón, sobre un colchón cheo de excrementos e ouriños. A vivenda presentaba "unhas condicións de insalubridade moi importantes".

O home, con problemas de audición pero lúcido, explicou que levaba meses nesa situación debido a unha operación de cadeira. Pouco despois apareceu o seu xenro, quen manifestou que el se encargaba de darlle de comer ao ancián todos os días. Ao ser preguntado por quen aseaba ao seu sogro, respondeu que ninguén.

Os axentes chamaron aos Servizos Sociais do Concello e solicitaron a presenza dunha Unidade do 061 cuxos profesionais, tras unha primeira valoración, trasladárono ao Hospital Povisa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar