Iker Losada resgarda o fortín da Malata (1-0)
Iker Losada resgarda o fortín da Malata (1-0)
O Racing volve gañar como local e continúa acumulando puntos nunha primeira volta extraordinaria
O Racing continúa sumando puntos, sobre todo no seu fortín da Malata, onde gañou por 1-0 rendibilizando ao máximo un temperán gol marcado por Iker Losada. Son sete partidos na casa, con catro vitorias (todas elas mantendo a cero a porta) e tres empates.
Avisou o Andorra no primeiro minuto do partido e estivo mellor de inicio o cadro de Sarabia. Saíu coa liña defensiva moi adiantada e iso custoulle o gol. Era o minuto dez cando un pase en profundidade o aproveitou Iker Losada para marcar. Un gol con suspense, porque o VAR tivo que revisar a súa situación durante tres minutos para darlle validez.
Non aconteceu moito no primeiro tempo. Cun Racing buscando unha contra e co Andorra dominando pero con pouca profundidade. Só un remate de Álex Calvo inquietou a Cantero.
No segundo tempo, o equipo de Cristóbal puido marcar nunha ocasión de Carlos Vicente no 56. Pero o dominio volvía ser visitante, con achegamentos a contagotas. Álex Calvo e Iván Gil buscárono con lanzamentos desde a frontal e con Cantero resolvendo con seguridade. O Racing priorizaba o traballo defensivo e só arriscaba nalgunha xogada a balón parado, como a que rematou alta David Castro.
Desesperaba o Andorra, ao que lle expulsaron o adestrador e un asistente. Álex López puido marcar en dúas oportunidades e Sabin Merino, con toda a portería para el, rematou arriba.