O terremoto de Oroso, de magnitude 3,3, sentiuse nas comarcas de Santiago e Ordes

Malia o susto que levaron os veciños, o sismo non tivo consecuencias

G24.gal 01/12/2023 14:38

En Oroso, a terra tremeu na tarde de onte con dúas sacudidas breves pero intensas.

"Horrible, estaba no sofá e tremeu todo, foi moi raro".

"Sentino ben, tremeron os cristais da casa".

"A mesa da cociña moveuse de repente, e díxenlle á muller se batera coa ela, dixo que non e pensei nun terremoto", din os veciños de Sigüeiro.

Oroso foi o epicentro do sismo, de magnitude 3,3 na escala Richter. Pero a sacudida notouse nas comarcas de Santiago e Ordes e mesmo en lugares tan afastados como Muros e Ferrol. Así e todo, o terremoto non tivo ningunha consecuencia máis aló do susto dos veciños que o sentiron, que tampouco foron todos.

"Pasaban as sete da tarde, estaba co fillo e a nora, eles escoitárono e eu non".

"Non me decatei de nada".

"Pensei que era un trono".

"Eu pensei que era un camión, pero logo xa o vin na tele o do terremoto", comentan os veciños de Oroso.

O sismo rexistrouse a sete quilómetros de profundidade nunha falla que non adoita estar moi activa. Para os expertos o tremor entra dentro da normalidade e non ven motivos para a alarma.

"O lugar onde sucedeu onte o sismo non é frecuente, non é dos lugares habituais onde hai actividade en Galicia. Pero non creo que haxa motivo para preocupación mentres as casas estean ben construídas, que estano, porque os arquitectos teñen en conta os riscos sísmicos", explica Juan Vidal Romani, xeólogo e catedrático emérito da UDC.

Aconsellan non deixar os encoros cheos ata os topes, posto que iso si sería un perigo en caso de que un tremor os acadara. Polo demais, os sismos desta magnitude rara vez causan danos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade