O Sergas estende a todas as áreas sanitarias os cribados de cancro de colo de útero

Todas as mulleres galegas de entre 35 e 65 anos serán convidadas a participar nos próximos cinco anos

Poden optar por recibir o kit para a autotoma ou pedir vez na matrona no centro de saúde

G24.gal 13/11/2023 14:51

Nos próximos 5 anos, e empezando polas de maior idade, o Sergas vai chamar todas as mulleres de entre 35 e 65 anos, para facerlles a proba do virus do papiloma humano.

O procedemento é similar ao que se utiliza xa co cancro de colon. Desde hoxe, todas as galegas de entre 35 e 65 van ir recibindo unha invitación de xeito que en cinco anos, todas terían a oportunidade de participar no cribado.

Se aceptan, en dúas ou tres semanas poden recibir na súa casa o kit co aparato para a autotoma. Ou se prefiren, poden concertar cita para que lles faga esa toma a matrona no centro de saúde. Non é unha citoloxía, só unha toma de fluído.

"Realmente é moi sinxela a autotoma, e no kit veñen todas as instrucións. Pero as mulleres que non se atrevan poden pedir vez coa matrona", explica Montserrat Souto, a subdirectora de Enfermería da Área Sanitaria de Santiago e O Barbanza.

O VPH que se detecta con esta proba, concretamente dous tipos dese virus, son os causantes de máis do 70 por cento do cancros de colo de útero, pero a infección pode pasar desapercibida.

"Os que son realmente importantes con dous tipos de VPH, o 16 e o 18, con alto risco oncoxénico. Eles dous son os causantes do 70 % dos casos de cancro de cérvix, dixo Laura Souto, a xefa do Servizo de Xinecoloxía do CHUS. 

A prevención pasa pola vacinación dos nenos, de entre 9 e 14, que comezou en Galicia o ano pasado. E tamén polo uso do preservativo. Unha vez contaxiadas, non fumar pode axudar a eliminar o virus sen que produza lesións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade