O Rácing suma a terceira vitoria consecutiva e pisa postos de play off

A vitoria en Anduva chegou grazas aos goles de Héber e Señé na primeira media hora

O Rácing acabou sufrindo tras o gol de Javi Martón e un penalti errado polo Mirandés

G24.gal 11/11/2023 22:03

Coa súa vitoria en Anduva, o Rácing entra en zona de promoción logo dun exercicio de control e resistencia.

Nunha gran primeira metade, os ferroláns impuxeron o seu fútbol. Non deixaron transitar como lle gusta o Mirandés e golpearon cada vez que se achegaron a meta de Ramón Juan.

O primeiro en facelo foi Héber aproveitando un rexeitamento da defensa logo dun disparo de Iker Losada no minuto vinte e seis.  O VAR encargouse de confirmar a posición correcta do dianteiro racinguista, que sumaba o seu quinto gol no campionato.

O propio Héber sería tamén o protagonista do segundo tanto asistindo esta vez a Señé que resolve cun taconazo de luxo que tamén foi revisado polo VAR. 

O novo fútbol fixo que os galegos tiveran que celebrar os seus tres últimos goles en diferido.

Nada máis sacar de centro, o Mirandés ía festexar antes de tempo o tanto de Ilyas Chaira, anulado por fóra de xogo previo do seu asistente, Gabri Martínez.

O Rácing conseguía marchar o descanso con vantaxe no marcador, pero coa lesión del David Castro que obrigaba a Manzanara a colocarse de central.

E nada máis volver da caseta viu como a súa vantaxe se reducía co gol do incorporado Javier Martón os tres minutos do recomezo.

O tanto reanimou os burgaleses que comezaron acosar a meta de Cantero, moi seguro durante todo o partido, o que lle permitiu aguantar o resultado, incluso cando o colexiado sinalou un penalti que Álvaro Sanz enviou alto.

Nos seguintes minutos, o Mirandés dedicouse a colgar balóns sobre a meta de Cantero que mantivo a súa meta intacta.

A terceira vitoria consecutiva do Rácing na Liga permítelle meterse entre os grandes da Segunda división.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar