O Congreso prepárase para a xura da Constitución da princesa de Asturias

Despois do acto na cámara baixa, o rei Filipe VI imporalle no Palacio Real o colar de Carlos III, a máis alta distinción de orde civil que existe en España, e a herdeira da Coroa pronunciará un discurso

Madrid preparase para a xura da princesa de Asturias

O Congreso coloca o baldaquino que lucirá este martes na Porta dos Leóns (EFE/Aitor Martín)
G24.gal 30/10/2023 15:04 Última actualización 30/10/2023 18:13

Ás once da mañá será cando a familia real chegue ao Congreso. Unha vez dentro, dirixiranse á tribuna de oradores, convertida nun escenario co mesmo tapiz e a mesma alfombra que en 1986 cando Filipe VI xurou a Constitución.

As 350 butacas dos deputados substituíronse por 600 cadeiras de veludo onde sentarán, ademais dos deputados, os membros do Goberno en funcións, presidentes autonómicos e altos cargos institucionais.

Haberá ausencias xa confirmadas, entre elas os tres ministros de Unidas Podemos: Ione Belarra, Irene Montero e Alberto Garzón. "Somos republicanos e hai que demostralo con feitos", din. 

Ademais, os partidos cos que os socialistas negocian estes días a investidura de Pedro Sánchez tampouco asistirán: PNV, ERC, Bildu e Junts, ao igual que unha parte de Sumar, a formación de Yolanda Díaz. Tampouco o Bloque Nacionalista Galego. "A monarquía non deixa de ser un anacronismo", dixo Ana Pontón. 

Para o PP isto demostra que Pedro Sánchez "está disposto a pactar con todos os que non cren no proxecto común de España". 

O acto transcorrerá de igual xeito, soará o himno nacional e a presidenta do Congreso, tras pronunciar un discurso, pediralle á princesa Leonor que xure a Constitución española; farao no mesmo exemplar que seu pai hai 37 anos.

A este acto seguiralle outro no Palacio Real, onde en presenza dos poderes do Estado a princesa recibirá o colar da Orde de Carlos III.

A xornada terminará pola tarde no palacio do Pardo, nun acto familiar e privado ao que asistirán os que foran reis de España, Xoán Carlos e dona Sofía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade