O aumento da actividade sísmica detectado en Galicia é normal

No último mes detectáronse 27 tremores

O xeólogo Vidal Romaní réstalles importancia

G24.gal 10/12/2023 20:25 Última actualización 10/12/2023 20:41

En 30 días detectáronse 27 tremores en Galicia. Ningún foi forte pero varios puideron ser percibidos pola poboación. O que sacudiu Oroso o 30 de novembro, por exemplo, deixouse sentir nas comarcas de Ordes e Santiago.

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní resta importancia a este aumento da actividade sísmica. Subliña que é normal e non ve motivo de preocupación, en especial porque tiveron o epicentro en terra.

"Cos sismos en terra unicamente hai que ter conta que as cousas estean ben trincadas, como din os mariñeiros", afirma.

Vidal Romaní explica que os tremores no mar son máis perigosos porque poden xerar tsunamis e puntualiza que Galicia é zona de risco neste sentido.

"Grazas á subida do nivel do mar, os tsunamis poden xerar ondas que entren ata o fondo das rías. Iso para min é a maior preocupación", destaca.

O xeólogo cre que debería haber maior consciencia sobre este risco e actuar en consecuencia.

"Non seguir a construír cousas á beira do mar", sentencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade