Feijóo: "Temos as condicións para reiterar unha quinta maioría absoluta en Galicia"

O presidente do Partido Popular considera a súa formación "o único refuxio constitucionalista no Congreso"

Ante posibles cambios no grupo e o organigrama, di que Tellado será unha persoa clave "estea onde estea"

Gómez Besteiro: "O perdedor das eleccións en España pretende ser agora gañador en Galicia"

G24.gal 26/11/2023 09:06 Última actualización 26/11/2023 23:17

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, amosa a súa confianza en que os populares galegos volvan obter unha nova maioría absoluta nas vindeiras autonómicas galegas, agora con Alfonso Rueda á fronte.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Núñez Feijóo admite que a nivel persoal "gañar en Galicia é fundamental" ao tempo que engade que o PPdeG con Rueda ten "condicións" para obter "unha quinta maioría absoluta".

Núñez Feijóo argumenta que Alfonso Rueda e o Goberno galego son unha mostra de "estabilidade", "de experiencia na xestión dos asuntos públicos" e, sobre todo, que "non se debe a ninguén que non sexan os galegos".

Cousa contraria que di observar na oposición, onde afirma que ve o "candidato socialista moito máis preocupado por defender a Pedro Sánchez que por defender a Galicia" e do BNG apunta que "está máis preocupado por seguir o que marcan os independentistas cataláns e Bildu (...) que por defender os intereses do país".

"Para min gañar Galicia é fundamental. Creo que temos as condicións para volver reiterar unha quinta maioría absoluta. Creo que este Goberno galego é probablemente un dos gobernos máis sólidos de toda España. O presidente Rueda está acreditado que ten un proxecto e que, sobre todo, non se debe a ninguén que non sexan os galegos". 

O presidente do PP e líder da oposición en España tamén expresa o seu interese por outros comicios previstos para 2024. No que atinxe ás eleccións ao Parlamento Europeo, Núñez Feijóo di que "son eleccións nacionais" e que admite estar "moi interesado en saber se os españois están de acordo co que está facendo o Goberno e o que lles ocultou este Goberno nas últimas eleccións".

Respecto ás autonómicas vascas, e tras os cambios acometidos no Partido Popular en Euskadi, mesmo de líder, Núñez Feijóo di agardar "subir dunha forma notoria".

Cambios internos no PP

O presidente do Partido Popular asegura que ante a nova lexislatura en España, co PP como formación líder da oposición ten que "reafirmarse e ampliar o equipo tanto no Congreso, no Senado coma no partido". Asegura que se fará "con tranquilidade sobre a base dun equipo que funciona".

Sostén que a lexislatura vai ser "difícil" e que a oposición que fará o PP "non só é para ser responsable diante dos votantes ou simpatizantes do Partido Popular, non. É que hai moitos socialdemócratas en España, moitos exvotantes do Partido Socialista aos que imos representar, e imos representar a maioría do pobo. Somos o único refuxio constitucionalista que hai en España neste momento no Congreso". 

Ante os axustes previstos tanto nos grupos do Senado coma no Congreso e no propio partido, e preguntado en concreto polo papel de Miguel Tellado, vicesecretario xeral de Organización do PP, Núñez Feijóo non quixo adiantar nada, limitouse a asegurar que "estea onde estea vai ser unha persoa clave dentro da estrutura do Partido Popular de España". 

"Tellado é unha persoa clave na organización. Onde vai estar dentro de dez días?  Iso terei que comentalo dentro do comité executivo do Partido Popular. En todo caso estea onde estea, vai ser unha persoa clave dentro da estrutura do Partido Popular de España". 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade