Kamala Harris urxe a Israel a "facer máis" para protexer a poboación civil en Gaza

A vicepresidenta dos EUA di que "as imaxes e os vídeos procedentes de Gaza son devastadores"

G24.gal 02/12/2023 22:55 Última actualización 03/12/2023 09:23

A vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris, urxiu este sábado a Israel a "facer máis" para protexer a poboación civil en Gaza e esbozou a súa visión para o "día despois" da guerra con esforzos para reconstruír infraestruturas, mellorar a seguridade e cambiar o Goberno do enclave.

As súas declaracións representan unha das expresións máis claras da Administración estadounidense sobre o futuro da franxa de Gaza cando acabe a ofensiva militar que Israel lanzou por terra, mar e aire tras o ataque do brazo armado de Hamás do 7 de outubro.

"Israel ten dereito a defenderse. Pero tamén debemos ter en conta que demasiados civís palestinos, persoas inocentes, perderon a vida. É imperativo que Israel faga máis para protexer os civís inocentes", manifestou nunha rolda de prensa en Dubai, onde se atopa para participar no Cume do Clima COP28.

Aínda que Harris apoiou o dereito de Israel a defenderse, subliñou que "a maneira" na que o fai é de grande importancia e considerou que "a magnitude do sufrimento civil e as imaxes e os vídeos procedentes de Gaza son devastadores".

No seu discurso, Harris foi particularmente clara respecto ao que os Estados Unidos desexa ver cando acabe a guerra e salientou que non debe haber recolocación forzada de palestinos nin modificación das fronteiras da Franxa.

"Non ao desprazamento forzado, non á reocupación, non ao asedio ou bloqueo, non á redución de territorio e non ao uso de Gaza como plataforma para o terrorismo", subliñou.

Harris revelou que propuxo a israelís, palestinos e líderes árabes tres piares para o día despois da guerra: reconstrución, seguridade e gobernación.

Kamala Harris en Dubái Kamala Harris en Dubái
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade