Israel parte en dúas a Franxa de Gaza tras alcanzar a costa mediterránea

O exército bombardeu durante a noite 450 postos de Hamas

Más de 9.700 persoas, incluídos 4.000 menores, morreron na franxa nun mes de guerra

G24.gal 06/11/2023 09:14

O exército israelí asegurou este luns que bombardeou durante a noite 450 postos de Hamas e matou outros dous dos seus comandantes na Franxa de Gaza, onde as súas tropas avanzan na toma de posicións para partir o enclave en dúas metades e dificultar as comunicacións.

"As nosas tropas tomaron o control dun complexo de Hamas, atacaron 450 obxectivos por aire e mataron comandantes de Hamas en cooperación conxunta co Shin Bet", informou.

O exército israelí informou de que as tropas terrestres "tomaron o control dun complexo militar de Hamas" que contén "postos de observación, áreas de adestramento para membros de Hamas e túneles terroristas subterráneos".

"Durante a operación morreron varios terroristas de Hamas", agregou sobre a situación na franxa, que onte á noite sufriu o seu terceiro apagamento total das comunicacións desde que empezou a guerra. O exército non especificou onde se sitúa exactamente ese complexo militar, pero onte á noite o portavoz oficial do exército Daniel Hagari indicou que as tropas terrestres alcanzaran a costa mediterránea á altura central da Franxa de Gaza e que a partiran en dúas.

"Hoxe existe o norte de Gaza e o sur de Gaza", remarcou Hagari, quen aclarou que o exército xa mantén un amplo control da metade norte do enclave e que están a estreitar en cerco sobre a cidade de Gaza, principal núcleo de poboación situado nesa metade setentrional.

O exército tamén sinalou que, entre os 450 obxectivos atacados por aire durante a noite, están incluídos "túneles, terroristas, complexos militares, postos de observación e postos de lanzamento de mísiles antitanques".

As súas forzas navais tamén atacaron "centros de mando, postos de lanzamento antitanques e postos de observación adicionais" das Brigadas al Qasam, o brazo armado de Hamas. O exército israelí tamén asegurou matar varios terroristas de Hamas, incluído outro comandante Jamal Mussa, responsable das operacións especiais de seguridade na organización e a quen atribúe en 1993 un atentado contra soldados israelís que patrullaban na fronteira con Gaza.

Más de 9.700 persoas, incluídos 4.000 menores, morreron na franxa nun mes de guerra, e case 25.000 gazatíes están feridos nunha franxa sumida na súa maior crise humanitaria, cos hospitais desbordados e sen combustible ou medicinas para atendelos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade