Israel admite o bombardeo a un campo de refuxiados en Gaza, onde morreron ducias de palestinos
Israel admite o bombardeo a un campo de refuxiados en Gaza, onde morreron ducias de palestinos
A ONU, a OTAN, a OMS e as principais oenegués pídenlle que cese a violencia contra a poboación civil
Hamas anuncia que nos próximos días liberará reféns estranxeiros
Israel bombardeou este martes o campo de refuxiados de Jabalia, ao norte da Franxa de Gaza. O exército israelí di que matou un comandante de Hamas que estaba agochado alí. Pero o ataque deixou tamén ducias de falecidos civís, máis de cen, segundo as autoridades gazatís.
Por terra, Israel ten despregados no norte da Franxa centos de tanques, escavadoras blindadas e 200.000 soldados. As batallas corpo a corpo entre os militares israelís e os milicianos de Hamas son continuas, pero non impiden o avance das tropas de Israel cara á cidade de Gaza.
A ONU amosou este martes a súa preocupación pola crueza da contenda. A OTAN instou a Israel a actuar conforme o dereito internacional e protexer a poboación civil, cada vez máis vulnerable.
A Organización Mundial da Saúde insiste nunha inminente catástrofe de saúde pública pola falta de servizos básicos. Unicef di que Gaza estase convertendo nun cemiterio de nenos e suplica un alto o fogo humanitario.
Pero Israel mantén a folla de ruta e descártao. Hamas anunciou través das redes sociais que nos próximos días liberará reféns estranxeiros, sen dar máis detalles. As autoridades israelís elevan a cifra de secuestrados a 239.
Estados Unidos reforza o apoio a Israel e descarta un cesamento do fogo
Estados Unidos reafirma a postura de Israel e tamén rexeita un cesamento do fogo. Nunha comparecencia no Senado, o secretario de Estado estadounidense defendeu continuar coa operación militar porque o contrario, dixo, consolidaría a Hamas.
A intervención de Blinken tivo que deterse en varias ocasións pola protesta dun grupo de activistas en favor da paz.