Feijóo: "Comprar cos cartos dos cidadáns a presidencia do Goberno é corrupción"

O líder do PP amosouse moi crítico cos acordos de Sánchez con ERC, que supoñen a condonación de 15.000 millóns de euros de débeda

Reivindicouse como "alternativa constitucionalista" ao PSOE na clausura do congreso do PP do País Vasco

G24.gal 04/11/2023 14:57 Última actualización 04/11/2023 16:36

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, estivo en Vitoria apoiando a Javier de Andrés, o novo presidente do partido no País Vasco en substitución de Carlos Iturgaiz co 97 % dos votos.

Feijóo, nun discurso centrado en Euskadi, proclamou que "o PP é a alternativa constitucional ao PSOE, a alternativa de xestión ao PNV e a alternativa moral a Bidu". De Sánchez dixo que esqueceu a defensa da igualdade dos cidadáns.

"Dedícase a perdoar os delitos de corrupción, a deixar que os delincuentes redacten o Código Penal e que os avogados dos delincuentes redacten as leis de amnistía".

Incidindo nos pactos de investidura, sinalou que Pedro Sánchez "queima todas as naves para permanecer no poder" usando tamén os cartos de todos os españois:

"Repúgname que Sánchez mercadee co diñeiro dos cidadáns para chegar á presidencia do Goberno. Cambiar votos por impunidade é corrupción e comprar co diñeiro dos cidadáns a presidencia do Goberno de España é corrupción".

Sobre Bildu asegurou que seguen sendo compracentes cos que cometeron crimes e que por iso nunca pactarán nada con eles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos