Feijóo convoca os seus portavoces para coordinar as estratexias contra as "cesións" do PSOE

Fontes populares informaron de que a reunión se suma aos contactos que mantivo nas últimas horas o líder do PP con algúns presidentes autonómicos

G24.gal 03/11/2023 09:30

O presidente do PP Alberto Núñez Feijóo convocou este venres á mañá na sede de Génova os portavoces de Congreso, Senado e Parlamento Europeo para analizaren a resposta institucional e política ás "cesións" acordadas polo PSOE cos partidos independentistas.

Fontes populares informaron de que a reunión se suma aos contactos que mantivo nas últimas horas o líder do PP con algúns presidentes autonómicos para compartir impresións sobre o anuncio dos socialistas de "comprar os votos de ERC con 15.000 millóns de euros de todos os españois".

Feijóo continuará falando ao longo do día cos representantes do PP en cada comunidade autónoma para coordinar accións que garantan a igualdade entre cidadáns, sexan do territorio que sexan, e seguirá desde Génova o desenvolvemento das "vergonzantes" negociacións que está a ultimar o PSOE.

"Unha vez que a ERC lle entregou a amnistía, o servizo de proximidade, 15.000 millóns de euros e a posibilidade de facer un referendo en Cataluña, quedamos á espera de saber que lle entregará a Junts e que pactou xa co PNV e con Bildu", apuntan as fontes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade