Falece aos 95 anos o fotógrafo Elliot Erwitt, lenda da axencia Magnum

Erwitt retratou numerosos personaxes do século XX e foi o fotógrafo oficial da presidencia de Kennedy

O Auditorio de Galicia exhibiu unha retrospectiva do fotógrafo estadounidense en 2004

G24.gal 01/12/2023 12:41 Última actualización 01/12/2023 13:35

O fotoxornalista Elliot Erwitt morreu este mércores aos 95 anos no seu domicilio de Manhattan (Nova York) segundo anunciou a axencia Magnum, á que pertenceu durante máis de seis décadas e dirixiu nos anos sesenta. 

“Para que unha fotografía sexa boa debe ter equilibrio, forma e fondo. Pero para ser moi boa tamén debe ter unha maxia indefinible”, dixo. Amante do branco e negro, os bicos, os cans e os nenos foron unha constante na súa obra. 

Erwitt compatibilizou unha dobre carreira como xornalista e como artista. Empezou a colaborar na década dos cincuenta en Magnum, a axencia de fotoperiodismo fundada por Cartier-Bresson e outro mentor, Robert Capa, e con revistas populares da época, como Life, Newsweek, Collier’s e Look. 

Erwitt retratou numerosos personaxes do século XX e foi o fotógrafo oficial da presidencia de Kennedy

Por diante da súa cámara pasaron Frank Sinatra, Muhammad Ali e Simone de Beauvoir. Os seus retratos de 1964 do líder cubano Fidel Castro e do Che Guevara polas rúas da Habana deron a volta ao mundo. Icónicos son tamén os seus retratos de Marilyn Monroe e da soidade de Jacqueline Kennedy no enterro do seu home. Erwitt foi fotógrafo oficial da Casa Branca durante a presidencia de John Fitzgerald Kennedy. “A beleza da fotografía está na súa capacidade de deter o tempo”, dixo.

O Auditorio de Galicia exhibiu unha retrospectiva do fotógrafo estadounidense en 2004

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu unha retrospectiva do fotoxornalista de febreiro a abril de 2004. A mostra, unha escolma de 121 instantáneas en que colaborou o propio Erwitt, fora producida polo Museo Raíña Sofía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos