Expectación na Coruña pola presenza dun paxaro que nunca se vira en Galicia

É  un tordo, un paxariño que cría en Canadá e migra no inverno cara ao sur do continente

G24.gal 26/11/2023 21:26 Última actualización 26/11/2023 22:07

Nos últimos días o parque de Vioño da Coruña converteuse en lugar de peregrinación para moitos amantes da ornitoloxía. O culpable de tanta expectación é un pequeno paxariño norteamericano que non se vira antes por estas latitudes. O seu nome científico é Catharus ustulatus.

"É un paxaro que normalmente se distribúe por Norteamérica. Que chegase aquí é unha rareza", explica un dos afeccionados que se achegou ao parque para intentar velo.

Un afeccionado ás aves descubriuno por casualidade, cando tomaba fotos doutros paxaros. Compartiu as imaxes do inesperado visitante nas redes sociais.

"Ao día seguinte xa había xente aquí a primeira hora para confirmar que efectivamente estaba aquí. Vírono o xoves, o venres e o sábado. Hoxe semella que nos está evitando", comenta outro amante da ornitoloxía.

Chegou xente de toda Galicia e de parte de España coa esperanza de poder ver o pequeno túrdido moi lonxe do seu hábitat. O domingo non houbo sorte. Os que entenden de paxaros din que o máis probable é que, despois duns días alimentándose aquí, emprendese a viaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar