Erik Quintela apela ao “factor Pazo” para derrotar o Hapoel Holon

O israelí é o único equipo que se mantén invicto no grupo F da liga de Campións

Foto @CBBreogan
G24.gal 20/11/2023 15:04 Última actualización 20/11/2023 15:32

O capitán del Río Breogán, Erik Quintela, apelou este luns ao “factor Pazo”, en referencia ao apoio que reciben da súa incondicional afección cando xogan como locais, para derrotar o mércores ao Hapoel Holon, único equipo que se mantén invicto no grupo F da liga de Campións.

Os dous equipos atoparanse no Pazo Provincial dous Deportes de Lugo sete días despois de que o conxunto israelí esnaquizase cun notable acerto exterior ao cadro dirixido por Veljko Mrsic, que chegou con vida á recta final do duelo tras recortar 15 puntos no segundo tempo.

“Eles alí xogaron cun nivel de acerto brutal, temos que ser capaces de poñerlles en máis apertos para que os seus tiros sexan máis complicados. E logo aquí teremos o factor Pazo, que sempre é algo que nos axuda moitísimo porque nos fai dar un puntiño máis”, declarou o base lucense.

Tras recibir o premio Estrella Galicia ao mellor xogador breoganista do mes de outubro, o base lucense recoñeceu que o seu equipo está a pagar caro eses “momentos de desconexión” durante os partidos, os cales achacou á “xuventude” do equipo.

“Volveu pasar en Xirona. Somos capaces de empezar moi ben o partido pero logo temos un parcial negativo bastante malo. Aínda así, conseguimos irnos ao descanso gañando de dez. Iso fala ben do equipo pero hai que evitar eses momentos de desconexión”, explicou.

Neste sentido, sinalou que nos primeiros partidos da tempada tiveron “un chisco de mala sorte” porque os partidos apertados “sempre” caeron ao lado rival, o que terminou xerando “algo de ansiedade” no equipo pola necesidade de querer gañar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade