Os xuvenís do Deportivo non poden evitar unha cruel eliminación (2-3)

O Tenerife impúxose cun gol no último minuto do engadido da prórroga

Dous xogadores do 2005 como Mella e Kevin Sánchez marcaron os goles do cadro coruñés

G24.gal 06/12/2023 14:31 Última actualización 06/12/2023 14:41

Os xuvenís do Deportivo botaron o equipo ás costas, pero non puideron evitar a eliminación copeira do equipo coruñés. Mella e Kevin marcaron os goles nun vibrante partido que se decidiu do xeito máis cruel para o equipo galego que recibiu o definitivo 2-3 no minuto 122.

Aos dez minutos apareceu o velocista Mella cunha xogada pola banda esquerda para marcar o primeiro gol do partido. O Deportivo estivo moi serio e concedéndolle moi poucas opcións de ataque a un equipo de categoría superior.  

Pero o Tenerife empatou no primeiro remate que executou sobre a portería. Foi o lateral Nacho o que culminou unha xogada de ataque do seu equipo. O partido foise abrindo despois dos goles pero nin os tinerfeños nin os coruñeses puideron evitar que a eliminatoria marchase á prórroga (1-1). 

No tempo suplementario as cousas puxéronselle moi ben ao Tenerife grazas a un centro de Álvaro Romero que se foi envelenando e acabou na rede de Mackay. 

Estaba contra as cordas o Deportivo pero apareceu outro dianteiro da xeración de 2005, o burgalés Kevin Sánchez que avisara minutos antes para meter a cabeza e superar por alto a Tomeu Nadal. 

A eliminatoria parecía decidirse na quenda de penaltis, pero no 122 chegou un centro desde a dereita que empurrou á rede o centrocampista canario Sergio González. Un desenlace cruel para un Deportivo que acariñaba a posibilidade de enfrontarse a un equipo da Primeira División. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar