Bebidas enerxéticas: un cóctel de azucre e estimulantes con riscos para a saúde
Bebidas enerxéticas: un cóctel de azucre e estimulantes con riscos para a saúde
Galicia é a primeira comunidade que as prohibirá para os menores
Prevé multas por consumir, vender e publicitar nalgúns ámbitos
Galicia tramita a lei que vetará o acceso dos menores ás bebidas enerxéticas. Prevé multas de 600 euros para os nenos e adolescentes que as posúan, consuman ou transporten, e de ata 15.000 euros para os que llelas vendan ou faciliten. A multa por publicidade destes produtos dirixida á rapazada pode ascender a 600.000 euros.
Hai evidencia científica de que as bebidas enerxéticas son malas para a saúde, aínda máis se os consumidores son menores. Non deixan de ser unha mestura de azucre e estimulantes como a cafeína ou a taurina, que poden causar en idades temperas alteracións metabólicas, cardíacas e neurolóxicas.
O seu consumo disparouse nos últimos anos e un amplo estudo da Fundación Barrié vincúlao con maiores índices de exceso de peso e obesidade, menor rendemento académico e maiores taxas de depresión e trastornos emocionais.
Pero os expertos alerta de que o maior perigo é o seu consumo mesturado co alcol. Estas bebidas frean o seu efecto depresor o que permite seguir inxerindo alcol. Tomalas xuntas converteuse nun ritual entre a xuventude. Os especialistas vinculan esta práctica co maior índice de comas etílicos de adolescentes. Tamén co incremento de condutas de risco, desde sexo non desexado ou sen protección ata agresións sexuais, liortas e accidentes de tráfico.