Atopan no río Arenteiro o cadáver dunha veciña do Carballiño de 89 anos

Non había denuncia por desaparición xa que vivía soa e non tiña familia 

Axentes da Policía Local do Carballiño rastrexan nas beiras do río Arenteiro no Carballiño
G24.gal 07/11/2023 14:38 Última actualización 07/11/2023 20:23

Os servizos de emerxencia pasaron a tarde rastrexando as beiras do río Arenteiro no parque municipal do Carballiño para intentar averiguar o lugar onde puido caer e golpearse a veciña de 89 anos que apareceu morta este mediodía, aboiando no torrente moi cheo e con moitas pólas caídas cos temporais dos últimos días. Buscan a carretilla que usaba decote para apañar leña e refugallos segundo explicou á TVG Guillerme Alén da Policía local do Carballiño.

"Apareceu aboiando boca arriba e xa falecida. Presentaba un golpe na cabeza e puido golpearse río arriba. Por eso, imos rastrexar o río un quilómetro e medio arriba, ata a zona urbana, a ver se aparece o carretillo que habitualmente levaba esta señora e ver onde puido caer"

Un obreiro do servizo forestal do concello do Carballiño encontrouna ao mediodía e alertou a Policía Local. Bombeiros e axentes do GRUMIR, Garda Civil e Policía Local tiveron que colaborar no rescate para retirala da auga.

"O rescate non foi sinxelo porque estaba moi metida no río. A zona onde apareceu é unha zona de paseo, na circunvalación do río, e é moi habitual ver xente paseando"

Diso era moi coñecida polos habituais paseantes pero non había denuncia pola súa desaparición xa que vivía soa e non tiña familia.

A autopsia revelará que lle puido pasar a esta muller que coñecía polo miúdo un percorrido que facía case todos os días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade