Tropas de Israel entran no maior hospital da Franxa de Gaza, o de Al Shifa

O exército israelí di que leva a cabo unha operación "precisa e selectiva" contra Hamas

O Goberno palestino considérao un "novo crime contra a humanidade" e Hamas tamén responsabiliza os EUA

En Al Shifa hai 650 pacientes, centos de profesionais e varios milleiros de desprazados

G24.gal 15/11/2023 07:10 Última actualización 15/11/2023 08:55

O exército de Israel informou de que a súa "operación precisa e selectiva contra Hamas no hospital Al Shifa aínda está en marcha" a mañá deste mércores, a pesar da condena de autoridades palestinas, que temen pola vida de miles de persoas que se atopan aí.

Israel asegura que o grupo islamista Hamas ten o seu principal centro de mando no hospital Al Shifa, situado na cidade de Gaza. Ese centro médico, o máis importante da franxa, quedou sen electricidade, auga potable e comida hai varios días e alberga unhas 9.000 persoas, entre desprazados, persoal médico e pacientes, entre os que se atopan máis de 30 bebés prematuros cuxa vida está en perigo.

"Podemos confirmar que as incubadoras, alimentos para bebés e subministracións médicos traídas por tanques das Forzas de Defensa de Israel chegaron con éxito ao hospital Al Shifa. Os nosos equipos médicos e soldados de fala árabe están sobre o terreo para garantir que estas subministracións cheguen a quen os necesita", indicou un voceiro do exército israelí.

As tropas israelís "tamén facilitaron evacuacións a grande escala do hospital e mantiveron un diálogo regular coas autoridades do hospital", indicou o voceiro. "Facemos un chamado a todos os terroristas de Hamas presentes no hospital a que se rendan", subliñou. A madrugada deste mércores, o exército de Israel informou de que, "baseándose en información de intelixencia e unha necesidade operativa", as súas tropas iniciaron "unha operación precisa e selectiva contra Hamas nunha área específica do Hospital Shifa", cuxo obxectivo é "derrotar a Hamas e rescatar reféns".

"As Forzas de Defensa de Israel inclúen equipos médicos e falantes de árabe, que recibiron un adestramento específico para prepararse para esta contorna complexa e sensible, coa intención de que non se cause dano aos civís que Hamas utiliza como escudos humanos", indicou un voceiro do exército israelí.

Hamas, que goberna de facto a Franxa de Gaza desde 2007, acusou a Israel de cometer "un crime de guerra, un crime moral e un crime contra a humanidade" coa incursión das súas tropas dentro do hospital Al Shifa. O grupo islamista acusou as tropas israelís de "disparar no interior" do hospital, "a pesar de saber que hai uns 9.000 membros do persoal médico, feridos, enfermos e desprazados", tras varios días de asedio ao hospital en que o exército israelí "bombardeou máis de cinco edificios dentro do complexo e disparou fogo e proxectís contra os feridos, os desprazados e os equipos médicos presentes no interior do complexo".

"Responsabilizamos plenamente a ocupación, a comunidade internacional e os Estados Unidos de América da seguridade do persoal médico, os feridos e os desprazados no interior", subliñou Hamas. Pola súa banda, o exército de Israel asegura que deu un prazo de 12 horas aos milicianos palestinos para cesaren todas as actividades militares dentro do hospital, "pero desafortunadamente fixeron caso omiso".

A operación israelí no hospital foi rexeita polo Ministerio de Sanidade da Autoridade Nacional Palestina, que goberna partes reducidas de Cisxordania ocupada.

Israel declarou a guerra a Hamas o 7 de outubro tras un asalto masivo do grupo islamista que incluíu o lanzamento de miles de foguetes e a infiltración en territorio israelí duns 3.000 milicianos que masacraron unhas 1.200 persoas e secuestraron outras 240. Desde entón, as forzas aéreas, navais e terrestres de Israel atacan sen tregua a Franxa de Gaza, onde causaron máis de 11.300 mortos, 29.200 feridos e 3.600 desaparecidos baixo os entullos. Ademais, 190 médicos, enfermeiras e paramédicos de Gaza morreron polos ataques israelís, mentres que 25 hospitais da franxa foron destruídos e 52 centros de saúde quedaron fóra de servizo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade