Arden tres coches en Vila de Cruces afectando a fachada dun edificio

Non se lamentaron danos persoais

Os vehículos afectados
G24.gal 23/11/2023 10:59

Esta madrugada foi rexistrado un incendio en Vila de Cruces afectando tres vehículos aparcados na rúa e a fachada dun edificio residencial. Non se lamentan danos persoais, mais uns nenos que vivían no edificio tiveron que ser atendidos.

O lume comezou nunha furgoneta e posteriormente as lapas chegaron aos vehículos que se situaban ao seu carón. Segundo explica o propietario da furgoneta, gardaba alí produtos dedicados á venda ambulante. 

Ademais, as lapas chegaron a coarse pola fiestra dunha vivenda do primeiro andar. A familia que vivía alí subiu á terceira planta do edificio para poñerse a salvo, pois o fume e o lume imposibilitaban a saída ao exterior. 

Un particular que viu arder un dos coches sobre as dúas e media da madrugada foi o encargado de dar a voz de alarma. Ademais, outro veciño alertou as autoridades de que había unha gran cantidade de fume que entraba na súa casa incluso coas fiestras pechadas.

Ata alí trasladáronse os bombeiros de Silleda e extinguiron o lume, que tamén afectou a ferraxería situada no baixo comercial. Grazas á súa rápida actuación impediuse que os danos fosen maiores, pois no establecemento amoréanse produtos altamente inflamables.

Agora acudirá ao lugar dos feitos a Policía Científica para investigar o caso. A hipótese máis probable sobre a orixe do incendio é que se debese a un curtocircuíto na furgoneta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade