A reacción do Deportivo queda freada en seco no Stadium Gal (3-0)

O ex-xogador celeste Alberto Solís destacou no equipo de Fran Justo con dous goles

G24.gal 05/11/2023 18:53

Se o Deportivo estaba en liña ascendente nas últimas semanas encargouse de desmentilo no Stadium Gal de Irún. As sensacións positivas duraron só quince minutos, en que tirou da súa mellor arma, o remate dos centrais a balón parado, para asustar o rival.

É certo que os datos que presenta o Real Unión como local son óptimos, pero resulta rechamante como virou a decoración de xeito radical. Alberto Solís apareceu para esnaquizar a meta de Mackay desde moi lonxe. O exceleste exhibiu a súa calidade no golpeo. O propio Solís, sen dúbida o home do partido, participou nunha acción en que puido chegar o segundo antes do descanso. Asistiu a Escobar, que rematou fóra.

Se alguén agardaba un Deportivo decidido pola remontada, atopou todo o contrario. Aos dous minutos Víctor Eimil creba a defensa deportivista e o seu centro desvíao cara á a súa portería Paris Adot. Ao seu carón Cerdá agardaba polo remate.

O gol fundiu definitivamente o Deportivo, que recibiu máis ocasións e outro gol máis. É Oiartzun o que volve facer dano pola banda esquerda defensiva do Depor. Neste caso, o seu centro é a antesala do gol de Alberto Solis, o segundo na súa conta. Quedaban daquela 35 minutos para o final e xa non pasou nada máis en Irún. O tempo dirá se foi unha tarde para esquecer do Deportivo ou unha dose de realidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade