O Poder Xudicial aproba unha declaración contra a amnistía porque suporía a "abolición" do Estado de Dereito

A declaración saíu adiante cos votos dos vogais conservadores

A ausencia dun dos vogais progresistas facilitou a aprobación da declaración

O órgano de goberno dos xuíces pronúnciase antes de coñecer o contido da proposición de lei

G24.gal 06/11/2023 20:06 Última actualización 06/11/2023 22:15

O Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou este luns unha declaración institucional contra a amnistía que negocian o PSOE, Sumar, ERC e Junts para investir a Pedro Sánchez como presidente do Goberno, un primeiro pronunciamento en que denuncia que, de aprobarse unha lei nese sentido, supoñería "a abolición" do Estado de Dereito en España.

"O Consello Xeral do Poder Xudicial expresa con esta declaración a súa intensa preocupación e desolación polo que a proxectada lei de amnistía supón de degradación, cando non de abolición, do Estado de Dereito en España, que a partir do momento en que se adopte pasará a ser unha mera proclama formal que inevitablemente terá que producir consecuencias en prexuízo do interese real de España", alerta.

A declaración sinala que "non é compatible" co principio de Estado de Dereito que "os responsables políticos queden exentos de responder dos seus delitos ante os tribunais, calquera que sexa a natureza dos seus delitos, para que un aspirante a Presidente do Goberno poida conseguir o beneficio persoal e político de impedir o goberno doutras forzas políticas ou, expresado polo seu reverso, para poder manterse no Goberno".

"Iso supón degradar e converter o noso Estado de Dereito en obxecto de 'mercadeo' ao servizo do interese persoal que pretende presentarse, desde o rexeitamento ao pluralismo político, como o interese de España", engade o texto.

A declaración finalmente saíu adiante cos votos dos seus oito promotores, os vogais conservadores Carmen Llombart, José Antonio Ballestero, Francisco Gerardo Martínez-Tristán, Juan Manuel Fernández, Juan Martínez Moya, José María Macías, Nuria Díaz Abad, María Ángeles Carmona e o do seu compañeiro Wenceslao Olea, tamén do bloque conservador. Aínda que só facían falta oito votos, conseguiron sumar a Olea modificando o texto orixinal.

O presidente interino Vicente Guilarte, tamén na órbita conservadora, optou por votar en branco. No seu caso, redactará unha explicación de voto en que evidenciará que non está de acordo coa amnistía pero que cre conveniente esperar a que haxa unha proposición de lei para que o CXPX se pronuncie oficialmente.

Voto en contra dos cinco vogais progresistas 

Pola súa banda, os cincio vogais progresistas que asistiron ao Pleno votaron en contra. Roser Bach, Mar Cabrejas, Clara Martínez de Careaga e Pilar Sepúlveda sinalaron que con esta declaración se corre "o grave risco de confundir a cidadanía sobre a opinión dos propios xuíces e maxistrados arredor do contido dunha norma que non existe e que, de ser aprobada polo poder lexislativo, o competente para facelo, veranse obrigados a aplicar, ou no seu caso a someter aos controis constitucionais legalmente previstos".

Estas vogais engaden que a declaración institucional "tan só consegue situar este órgano de goberno nun campo de batalla política ao que nunca debe baixar por respecto e obrigada protección da imaxe de independencia e imparcialidade daqueles a quen goberna".

O vogal Enrique Lucas manifestou que sempre se opuxo á aprobación de declaracións institucionais deste tipo.

Un pleno "manifestamente ilegal"

O sexto integrante deste bloque Álvaro Custa non acudiu ao conclave ao considerar que era "manifestamente ilegal" porque a súa finalidade é contraria "ao ordenamento xurídico e ás funcións constitucionais" do CXPX.

Costa advertira previamente de que se o presidente do Consello Vicente Guilarte non desconvocaba o Pleno el non ía asistir xa que non quere contribuír "á indignidade e ao desprestixio de que vogais elixidos polas Cortes Españolas no ano 2013 poidan ser tidos por sublevados contra iniciativas do Parlamento lexitimamente elixido o 23 de xullo do ano 2023".

A súa ausencia achandou a aprobación da declaración institucional, xa que a fixo posible unicamente cos votos dos oito promotores. De acudir, serían necesarios polo menos nove.

É a primeira vez que o Poder Xudicial toma posición de maneira oficial sobre a futura amnistía. E faino sen que aínda se coñeza un texto detallado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade