Entra en vigor a pausa humanitaria acordada entre Israel e Hamas

As 6 era a hora fixada para o inicio dunha tregua de catro días na Franxa de Gaza

Pola tarde, Hamas tería que liberar 13 reféns e despois Israel excarcerar 39 palestinos

As horas previas á entrada en vigor da tregua foron de intensos bombardeos no enclave

Camións con axuda humanitaria entran en Gaza polo paso fronteirizo de Rafah Camións con axuda humanitaria entran en Gaza polo paso fronteirizo de Rafah
G24.gal 24/11/2023 06:12 Última actualización 24/11/2023 08:06

Os primeiros camións que forman parte do convoi de axuda humanitaria polo inicio da tregua na Franxa de Gaza comezaron a entrar este venres a través do paso terrestre de Rafah, que conecta Exipto co enclave palestino, informou a televisión exipcia Al Qahera News.

A cadea mostrou en directo como os camións de axuda están a entrar polo cruzamento, un total de 60 como parte do primeiro convoi, mentres que 17 ambulancias están a esperar no lado exipcio para acceder ao enclave. O director do Servizo Estatal de Información Diaa Rashwan, que actúa como portavoz do Goberno exipcio, afirmou hoxe que 130.000 litros de combustible e catro camións de gas procedentes de Exipto entrarán diariamente na Franxa de Gaza, e tamén 200 camións de axuda humanitaria desde a entrada en vigor da tregua, que comezou hoxe ás 7:00 hora local (5:00 GMT).

Exipto seguirá recibindo grupos de nenos feridos e lesionados procedentes de Gaza para que reciban tratamento no país e estranxeiros e persoas con dobre nacionalidade do enclave, dixo Rashwan. Por primeira vez desde o comezo da agresión, a parte exipcia permitirá tamén a entrada voluntaria na Franxa de Gaza aos palestinos varados no país.

A primeira tregua entre Israel e Hamas entrou en vigor hoxe tras máis de mes e medio de guerra, como parte dun acordo para a liberación de 50 reféns a cambio de 150 presos palestinos. O cesamento do fogo durará catro días e poderase estender ata dez se o grupo palestino Hamas entrega máis secuestrados. Hoxe espérase que os primeiros 13 reféns israelís dos 240 en mans de Hamas, todos eles mulleres e nenos, sexan liberados ás 16:00 hora local (14:00 GMT), segundo anunciou Qatar, un dos mediadores da tregua.

España enviará catro toneladas de equipo médico a Egipto

España enviará a Exipto catro toneladas de material médico para axudar aos hospitais que atenden aos feridos de Gaza

Pedro Sánchez, Abdefaltah al Sisi e Alexander de Croo, no Cairo

Anunciouno esta mañá Pedro Sánchez nunha comparecencia xunto ao presidente exipcio e o primeiro ministro belga. A axuda canalizarase a través do Mecanismo Europeo de protección civil. Sánchez tamén insistiu en que a a tregua ten que manterse maís alá dos catro días acordados

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade