Publicador de contidos

Publicador de contidos

Programación especial da CRTVG para ofrecer o minuto a minuto do 23X

Programación especial da CRTVG para ofrecer o minuto a minuto do 23X

Televisión de Galicia, Radio Galega e G24.gal seguirán a actualidade informativa do día con puntos de directo en todo o territorio galego e en Madrid

Ás 20:00 h, co peche dos colexios electorais, ofrecerase unha enquisa elaborada por SigmaDos para FORTA

G24.gal 22/07/2023 21:00

Os medios públicos da Corporación de Radio e Televisión de Galicia informarán este domingo, 23 de xullo, do minuto a minuto da xornada electoral. As eleccións xerais poderán seguirse en directo en TVG, Radio Galega e G24.gal a través dunha programación especial que dará conta dos avances de participación, a evolución do escrutinio e a análise dos resultados.

A cobertura da xornada na TVG comezará ás 10:30 h no programa Bos días e continuará ás 14:30 h no Telexornal Mediodía, con conexións en directo con colexios electorais das catro provincias galegas e co Centro de Datos de Madrid. Ademais, ao longo do día ofreceranse dous adiantos informativos, ao mediodía (12:45 h) e pola tarde (18:30 h), para dar conta das posibles incidencias que se vaian producindo.

No serán ofrecerase un programa especial a partir das 19:40 h, presentado por Marta DarribaMarcos Sueiro e Carlos Amado, que amosará en tempo real o escrutinio, con datos de todo o país e en particular das catro provincias galegas e dos 313 concellos da comunidade autónoma. Ás 20:00 h, coincidindo co peche dos colexios electorais, os medios da Corporación ofreceranlle á súa audiencia unha enquisa elaborada pola empresa SigmaDos para FORTA.

O programa contará coa presenza de analistas que debuxarán todas as claves da noite electoral que determinará a composición do Congreso dos Deputados e analizarán os posibles pactos que poidan saír dos resultados electorais. O programa contará con dúas mesas de debate. Na primeira, en que se debullarán os datos da enquisa e os primeiros compases do escrutinio, participarán Milagros OteroRafa Cabeleira Xosé Carlos Caneiro. Na segunda, máis próxima ao final do reconto e xa cos resultados practicamente definitivos enriba da mesa, estarán presentes os analistas Roberto Blanco ValdésXosé Luís GómezMaría Bastida e Ana Luísa Bouza.

A Radio Galega informará desde primeira hora do arranque da cita coas urnas, cun especial Galicia por diante a partir das 08:00 h e cunha edición estendida de A crónica a partir das 14:00 horas. Nos minutos previos ao peche dos colexios, contra as 19:50 h, arrancará na emisora pública o programa electoral. Os condutores do programa estarán acompañados por analistas como María Cadaval e Luís Pérez, que darán contexto aos numerosos datos e reaccións políticas que se producirán ata ben entrada a madrugada.

portal web G24.gal e as redes sociais converteranse o 23 de xullo na gran referencia para os espectadores que opten polo teléfono móbil ou calquera outro dispositivo dixital como principal medio de información. A través de gráficos e mapas interactivos, os usuarios coñecerán en tempo real a evolución do escrutinio e a composición das cámaras de representación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade