Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump arrecuncha o presidente surafricano para denunciar un "xenocidio" contra os brancos

Trump arrecuncha o presidente surafricano para denunciar un "xenocidio" contra os brancos

"Se realmente houbese un xenocidio contra os agricultores afrikáners, asegúroche que estas persoas non estarían aquí, incluído o meu propio ministro de Agricultura", afirmou Ramaphosa

Trump e Ramaphosa, na Casa Branca este mércores (REUTERS/Kevin Lamarque) Trump e Ramaphosa, na Casa Branca este mércores (REUTERS/Kevin Lamarque)
G24.gal 21/05/2025 20:43

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, protagonizou este mércores un tenso encontro co seu homólogo surafricano, Cyril Ramaphosa, na Casa Branca, durante o que proxectou un vídeo para denunciar un suposto "xenocidio" contra a minoría branca afrikáner, unha acusación que Ramaphosa rexeitou categoricamente.

A reunión no Despacho Oval foi a máis conflitiva desde a visita en febreiro do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, quen entón abandonou a Casa Branca tras unha acalorada discusión con Trump fronte ás cámaras.

O tema central do encontro foron as denuncias de presunta persecución racial en Suráfrica, promovidas pola Administración de Trump. Aínda que o seu Goberno recortou drasticamente os programas de acollida, recentemente outorgou status de refuxiados a varias familias afrikáners (surafricanos brancos descendentes de colonos neerlandeses).

Trump abriu a reunión cualificando a Ramaphosa como alguén "moi respectado en moitos círculos, aínda que polémico para algúns", mentres que o mandatario surafricano lle ofrecía un apertón de mans e propoñía "reiniciar" as relacións bilaterais.

Choque entre presidentes

A tensión estalou cando a prensa preguntou pola recente chegada de refuxiados afrikáners. Trump insistiu na súa teoría de que esta minoría sofre unha persecución e esixiu explicacións ao seu interlocutor.

"En xeral, son agricultores brancos que foxen de Suráfrica, e é moi triste velo. Espero que poidamos ter unha explicación", declarou ante os medios.

Ramaphosa respondeu con firmeza que non existe ningún "xenocidio afrikáner", e instou a Trump a escoitar o pobo surafricano para desmontar esa narrativa.

"Se realmente houbese un xenocidio contra os agricultores 'afrikáners', asegúroche que estas persoas non estarían aquí, incluído o meu propio ministro de Agricultura", afirmou sinalando a súa delegación, que incluía a membros desa comunidade.

Trump insistiu en que existen "miles de historias" que confirman a persecución e ordenou a proxección dun vídeo de case cinco minutos que mostraba a políticos africanos dando discursos a favor da violencia contra os brancos e imaxes de montículos e cruces que, segundo Trump, representan máis de 1.000 agricultores asasinados.

"Gustaríame saber onde é iso, porque eu non o vin", comentou o presidente surafricano tras observar, incómodo, as imaxes.

Nun momento da discusión, Ramaphosa chegou a chancear afirmando que non ten "un avión para darlle", en referencia ao agasallo que Qatar lle fixo a Trump e que os Estados Unidos aceptaron este mércores formalmente.

A tensión só comezou a disiparse tras a intervención dos emblemáticos golfistas afrikáners Ernie Els e Retief Goosen, quen formaba parte da delegación surafricana. Ambos, admirados por Trump, evitaron apoiar as denuncias de xenocidio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade