Zakaría reclama o papel de goleador neste Deportivo
Antonio Hidalgo marcou como prioridade a fichaxe dun ou dous dianteiros, pero o neerlandés promete poñerllo difícil
Remata a pretemporada con cinco goles como referente ofensivo do equipo
"Imos fichar un ou dous dianteiros dependendo das saídas", confesou na previa do Teresa Herrera Antonio Hidalgo. É, xunto coa portería, o posto que quere reforzar o cadro deportivista pero hai un xogador que está reclamando o seu papel como referente do equipo. Trátase do neerlandés Zakaria Eddahchouri. Con cinco goles neste período de preparación demostra estar preparado para asumir o rol de goleador dun ambicioso Deportivo.
Contra o Le Havre no Teresa Herrera foi un encordio constante para a defensa francesa. Xerou moitas ocasións e acabou conseguindo o premio de marcar o gol que abriu a vitoria. Días antes, diante do Oviedo tamén marcara o tanto do empate a pase de Luís Chacón.
Os números da temporada pasada (4 goles en 16 partidos) agarda melloralos pero para iso precisa a confianza de Hidalgo. Hai un dianteiro moi encamiñado e que foi referente ofensivo na categoría a temporada pasada e unha segunda fichaxe podería pecharlle a porta do equipo titular pero, de momento, todo indica a que vai ser o nove que afronte de saída o primeiro encontro do campionato.